Gustanche os cómics, os roteiros e os contacontos históricos?…. Ven a Lugo en maio

Tempo de lectura: 3 min.

Os principais debuxantes de banda deseñada histórica de Galicia daranse cita en Lugo entre o 25 de abril e o 5 de maio. Haberá obradoiros para que a rapazada aprenda a debuxar castrexos, romanos, viquingos ou cabaleiros medievais, un roteiro histórico e unha sesión vermú de contacontos históricos.

A banda deseñada está poñendo de moda a Lugo. Tras o éxito do pasado ano, a cidade da muralla volverá a acoller o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia con algúns dos principais especialistas galegos nesta materia que convertirán a Lugo na capital española do cómic histórico por uns días.

Neste segundo encontro participarán os ilustradores Javi Montes, Víctor Boullón, José Barreiro, Miguel Fernández e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento.  Así, esta innovadora proposta, organizada polo portal web Historia de Galicia (www.historiadegalicia.gal) e a editorial especializada en banda deseñada Demo Editorial, consolidase en Lugo. Este ano conta, ademais, coa colaboración da Deputación de Lugo, a empresa Estrella Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Ramón Falcón.

Presentación do II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Precisamente, este xoves tivo lugar a presentación en Lugo desta segunda edición deste encontro no que participaron o propio Javi Montes; o director artístico do evento, Manel Cráneo e Sonsoles López Izquierdo, deputada de Promoción Económica na Deputación de Lugo.

Este segundo encontro alternará sesións didáctica e educativa, sesións prácticas e sesións lúdicas. Así, o encontro comezará o 25 de abril cunha ‘master class’ na Escola de Arte Ramón Falcón dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javi Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard.

Rutas históricas, obradoiros e charlas

O resto do evento continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O día 4 comezará cunha ruta histórica con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia e @s [email protected] poden apuntarse en www.rutasdehistoria.com

 Tamén pola mañá haberá un obradoiro para nenos e nenas nos que se ensinarán as principais técnicas da ilustración histórica. @s interesados poden apuntarse a través de http://historiadegalicia.gal/ii-encontro-banda-desenada-historica-de-galicia/. Ás 13.00 horas os autores participantes no encontro asinarán libros na Librería Totem. Xa pola tarde terán lugar as conferencias e mesas redondas cos distintos autores na sala central do Centrad sobre a banda deseñada da Galicia medieval, a historia da banda deseñada en Galicia ou o mercado europeo de banda deseñada histórica.

Manel Cŕaneo, Sonsoles López Iglesias e Javi Montes na presentación do II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Curtometraxes e contacontos

O día 5 estará reservado para unha sesión máis lúdica con proxección de películas e documentais sobre banda deseñada e unha sesión de contacontos históricos a cargo do actor e contacontos Avelino González. Terá lugar na Sala Clavicémbalo, onde tamén haberá oportunidade de manter conversas máis informais cos ilustradores.

Tras o éxito da primeira edición, esta é a segunda vez que se celebra en Lugo o Encontro de Banda Deseñada Histórica, un evento que pretende poñer en valor a importancia desta arte e, especialmente, a calidade dos profesionais que existen en Galicia, algúns deles, traballando nas mellores editoriais de cómic do mundo. Ademais das actividades programadas dentro do encontro, a empresa Estrella Galicia utilizará deseños dos participantes neste encontro para difundilos durante o Arde Lucus.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: