fbpx
Castelo de Pambre / turismo.gal
Castelo de Pambre / turismo.gal

Novas visitas a Pambre, o castelo que resistiu as guerras irmandiñas

Tempo de lectura: < 1 min.

O Consello da Xunta de Galicia acaba de autorizar a subscrición dun convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Palas de Rei que estende ata 2022 a colaboración para a apertura e visitas públicas ao Castelo do Pambre. O obxectivo é “reforzar o potencial cultural e patrimonial do Camiño Francés e garantir o coñecemento e a divulgación dun dos preto de 700 bens de interese turístico con que conta Galicia”, segundo a Xunta.

O castelo, unha das poucas fortalezas de arquitectura militar do medievo galego que se conservou tras a Revolta Irmandiña. Foi adquirido en 2017 por contrato de compravenda pola Xunta de Galicia e quedou adscrito á Consellería de Cultura e Turismo.

O Goberno galego realizou nos últimos anos un investimento superior a 2 millóns de euros para rehabilitar esta infraestrutura con intervencións arqueolóxicas, recuperación de estruturas murais, mellora de accesos, así como actuacións de seguridade e divulgación.

Nova xestión do castelo

O convenio asinado esta semana permitirá que a Xunta garanta ata o ano 2022 as visitas a este recinto e autoriza ao Concello de Palas de Rei á xestión da apertura do inmoble para permitir estas visitas. Tamén permitirá ao Concello incluír dentro do recinto do castelo unha oficina de vixilancia, información e guía de visitas que xestionará integramente o concello.

En virtude deste acordo, o Castelo de Pambre abrirá en verán –entre o 1 de abril e o 31 de outubro– de martes a domingo de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. No horario de inverno –do 1 de novembro a 31 de decembro–, o castelo poderá visitarse de martes a domingo de 12,00 a 17,30 horas.

Pode que che interese...