fbpx
Cruz de tipo celta no monte de Santa Tegra, na Guarda / galiciacelta.com

Os galegos son celtas, romanos, mediterraneos, africanos…. ou simplemente galaicos?

Tempo de lectura: 2 min.

O debate sobre o celtismo ou non celtismo de Galicia leva anos dándose. E non hai acordo entre arqueólogos e historiadores a este respecto. No século XIX e principios do XX, Galicia era celta 100% a ollos de escritores e historiadores como Vicetto ou Murguía. O romanticismo impulsou a idea de que Galicia era unha nación celta, unha “nazón de Breogán” como recolle o himno galego de Pondal.

Ese “celtismo” derivou en excepticismo durante boa parte do século XX, especialmente, no franquismo, tendeuse a desmitificar a idea de que Galicia era celta, precisamente, para evitar as diferencias. Falouse máis de celtiberos, pero asociados ao conxunto do estado.

Nos últimos anos tamén hai quen aposta que Galicia ten unha forte influencia de culturas mediterraneas polas evidencias atopadas en numerosos castros —e mesmo petróglifos como os dos barcos de Oia— e tamén hai quen apunta ao ADN para dicir que os galegos son descendentes directos de norteafricanos. Con todo, ningún estudoso se pon aínda de acordo sobre esta cuestión.

“Celtas si ou celtas non”

“Celtas si ou non é unha simplificación”, advirte o arqueólogo Felipe Arias nun artigo de La Voz de Galicia, que di declararse “celtagnóstico” nesta cuestión. Pola súa banda, Miguel Anxo Murado cre que boa parte da raíz do problema está na falta de coincidencia entre as tres fontes principais: os textos romanos, a arqueoloxía e a lingüística.

Para Felipe Arias, no período prerromano dábase en Galicia unha amálgama de distintas procedencias, que van dende o autóctono ata o centroeuropeo ou o Mediterráneo, cos que os habitantes do que agora é Galicia mantiñan relacións e comercio, e que se manifesta, por exemplo, en artes como a escultura.

Con todo, Murado tamén destaca que a idea dunha Galicia celta tamén callou no inconsciente colectivo dos galegos. Así temos un Celta de Vigo, os “castros celtas” ou a “música celta”. “Aquí viña moi ben porque formulaba unha diferenza co resto de España, co elemento mediterráneo”, engade no artigo de LVG.

Tamén Arias cre que esa identificación callou na mentalidade de Galicia e que debe ser respectada, aínda que tamén hai que deixar ben claro o que é rigor histórico e costume popular: “Quen diga que está a preparar unha queimada celta, que teña claro que as alquitaras chegaron cos árabes…”, advirte.

Pode que che interese...