Atopan un esqueleto altomedieval case completo na escavación dun castro na Pobra do Brollón
Un esqueleto altomedieval practicamente completo en moi bo estado de conservación foi descuberto nunha nova campaña arqueolóxica do Castro de San Lourenzo, Cereixa (A Pobra do Brollón). Os restos poderían pertencer a unha muller e estarían datados, a falta da proba do Carbono 14, entre os séculos XI ou XII.
‘A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular’, declarou Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade de Lisboa.
No lado norte dos restos da igrexa medieval estaba a monumental tumba do esqueleto. Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, mais o novo individuo está moito mellor conservado; os ósos están máis enteiros e achegarán máis información.

Esqueleto altomedieval atopado no Castro de San Lourenzo / remitida
Ósos cheos de datos
O esqueleto atopouse nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. ‘Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos,’ explica a antropóloga física Candela Martínez. Ao levantar a primeira lousa xa se albiscou un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída. Conserva, ademais, os coxais (da zona da pelve) e outras partes.. Martínez, nunha valoración moi cautelar, apunta a unha muller aínda que di que hai que agardar as datacións do Carbono 14.
O Castro de San Lourenzo
O Castro de San Lourenzo é un castro mineiro romano que foi reocupado e desocupado en sucesivas ocasións no medievo como centro relixioso. O castro ten unha localización estratéxica con gran control visual sobre os arredores e en plena ruta xacobea do Camiño de Inverno.
Esta campaña arqueolóxica trátase da quinta campaña que se desenvolve no castro. Baixo a dirección de Ayán, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 14 voluntarios do campo de traballo escavan unha igrexa e necrópole medievais no recinto do castro. Está promovida pola asociación veciñal da parroquia, o Concello da Pobra do Brollón e a Universidade de Lisboa, coa participación dun campo de traballo internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.