As escavacións levadas a cabo no xacemento de Vilarello a finais de xullo de 2023 tiraron luz sobre a natureza desa gran estrutura circular que dominaba un non moi prominente alto sobre o val de Cereixa (Pobra do Brollón). O descubrimento dunha gran muralla duns 5 metros de grosor, seguida ao exterior por un gran foso perimetral que rodeaba todo un espazo de máis de 60 metros de diámetro, puxo aos investigadores tras a pista do que parecía un hábitat moi ben fortificado.
Encostado ao interior da muralla, e baixo o derrube da mesma, unha estrutura de madeira carbonizada deixaba constancia do final que sufriu o lugar: un gran incendio, accidental ou voluntario, que acabou coa ocupación do sitio. No interior do emprazamento documentáronse os zócalos de pedra de, polo menos, unha cabana feita en madeira e barro, con algún dos buracos dos postes que a sustentaban, así como un gran número de fragmentos de cerámica. Nesta zona recuperouse tamén unha gran machada de pedra que, xunto a evidéncialas cerámicas, situaban o xacemento en momentos anteriores á chegada do uso do ferro, na coñecida como Idade de Bronce.
Agora, dúas datacións por radiocarbono revelan o período concreto no que Vilarello estivo habitado. A primeira das datacións obtidas tras analizar os carbóns do gran incendio que sela o lugar tira unhas datas de entre o século XI e o IX a.C. Este sería o momento de construción da muralla e a estrutura de madeira encostada a ela, nos momentos finais da Idade de Bronce. Isto cobra máis sentido aínda se cabe se atendemos á presenza no lenzo da muralla de grandes bloques de limonita, unha roca composta por óxidos de ferro, principal fonte de ferro durante a época castrexa. Por iso, o equipo científico do proxecto cre que, durante a construción da muralla o coñecemento e a técnica da metalurxia do ferro aínda non chegara á Terra de Lemos.