O abandono e as pragas ameazan unha fraga sagrada e o castiñeiro máis antigo de Galicia
Nas zonas do interior de Galicia consérvanse as mellores representacións dos soutos mansos galegos, auténticos bosques do país e, algúns deles considerados sagrados por xeracións de veciños . Un deles é o de Rozabales, Monumento Natural, declarado pola Xunta de Galicia no ano 2000.
Neste souto atopase tamén o castiñeiro de Pumariños, que din que é o castiñeiro coñecido máis antigo de Galicia, cuxo perímetro acada os 12,15 metros (precísanse dez persoas para arrodealo todo) e que podería ter preto dun milleiro de anos.
Este souto, constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiños e campesiñas galegas para a obtención de castañas e madeira. De feito, estes tipo de soutos son un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural e mesmo da maxia e misticismo do país. Explican a evolución agraria de moitas zonas rurais de Galicia, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e posúen unha gran biodiversidade, incluíndo a presenza de elementos de fauna e flora dun gran valor.

Abandono do Souto de Rozabales, en Manzaneda / Davide Rodríguez
En perigo
Neste souto encóntranse exemplares de castiñeiro (Castanea sativa) de gran lonxevidade (moitos superan os centos de anos e algúns mesmo se acercan ao milleiro de anos) e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais. Pero este ecosistema único e un privilexado espectador do paso da historia en Galicia está en perigo.
O estado actual no que se atopa este souto é lamentable, estando os castiñeiros afectados en elevado grado pola avespiña do castiñeiro e polo chancro, e levando anos sen ser sometido a ningunha clase de poda. Aparte disto, a falta de limpeza no souto, propiedade da administración autonómica, fai que a maleza creza entre os castiñeiros, elevando así o risco de propagación de incendios forestais nun concello con alta actividade incendiaria.
Por iso, o deputado nacionalista de En Marea, Davide Rodríguez, acaba de presentar unha proposición non de lei pedíndolle á Xunta de Galicia que elabore un plan anual de mellora e mantemento deste souto, que é propiedade da propia Xunta. Tamén lle pide que destine urxentemente unha partida económica suficiente para facer os traballos de demouca, roza, vacinación contra o chancro do castiñeiro e a solta de Torimus Sinensis para combater a avespiña neste souto.