fbpx
Vigo peonil segundo Vigo Histórico / foto Vigo Histótico

Un túnel ameaza o casco histórico de Vigo e os seus posibles xacementos arqueolóxicos

Tempo de lectura: 2 min.

Este outubro deberían comezar as obras. A Porta do Sol da cidade olívica, o centro simbólico da cidade, farase peonil. Porén para poder levar adiante estas obras o Concello, liderado polo mediático Abel Caballero, ten prevista a construción dun túnel subterráneo entre as rúas Policarpo Sanz e Elduayen.

Mais a obra ten dividida a cidade. Se a maioría coincide en que o peonizamento da Porta do Sol podería ser unha oportunidade para a cidade, moitos son os que pensan que debería facerse sen o túnel. Non son poucos os argumentos en contra, xa que se afirma que as ramplas de acceso dividirían o centro, que dificultarían os pasos de persoas con mobilidade reducida e que afectarían ó comercio da zona.

A maior parte destas críticas se centran na construción da rampla de acceso na rúa Elduayen en pleno casco histórico e nun dos lugares máis significativos da cidade. Porén, non son os únicos motivos. Témese que as obras en pleno casco histórico poidan afectar ás vivendas, así como que se leven por diante o patrimonio arqueolóxico que se conserva no epicentro de Vigo.

Montaxe da rúa Edeluyen sen o tráfico / foto Vigo Histórico

A alternativa razoada: desviar o tráfico

E por isto que veciños e comerciantes de Vigo crearon a plataforma Vigo Histórico. Dende ela, ó longo dos últimos meses, estase a invitar a unha reflexión sobre as obras e a posibles alternativas ó proxecto. Dende a plataforma desenvolveuse unha petición en change.org que leva recadadas 2.000 sinaturas, así como outras moitas iniciativas de reflexión e reivindicación.

Unha das alternativas propostas pola plataforma é o desvío da circulación polas rúas Reconquista, Carral e Compostela. Trataríase de derivar o tráfico cara a avenida de Beiramar, liberando enorme espazo central da cidade para o uso e gozo da cidadanía. O obxectivo, crear un gran espazo peonil dende o Teatro García Barbón ata o miradoiro de Alfonso XII, apostando por un modelo de cidade inspirado no éxito da veciña Pontevedra.

Mobilizacións en Vigo pedido unha casco histórico sen túnel / foto Vigo Histórico

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...