fbpx
O Bolo de Betote, un posible emprazamento ritual do calcolítico, completamente abandonado / Xabier Moure

Cheo de silveiras, sen sinalización e abandonado… Así está un dos grandes recintos rituais do Calcolítico en Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

No ano 2006, durante o control arqueolóxico das obras de construción da estrada de alta capacidade entre Nadela e Sarria, apareceu unha gran pedra granítica con varias cazoletas gravadas na súa superficie e arrodeada por un círculo lítico de pedras fincadas delimitado por unhas foxas lonxitudinais que podería conformar un novo anel delimitador. Unha vez realizadas as escavacións, optouse por trasladala do lugar orixinal para o que foi necesario seccionala en catro fragmentos debido ao seu peso (112 toneladas). Unha vez na nova ubicación, procedeuse á súa colocación, recuperando a morfoloxía e orientándoa e nivelándoa de forma que mantivese a relación espacial co seu ámbito.

Segundo Juan A. Cano Pan, o arqueólogo encargado dos traballos, o xacemento pode encadrarse no período Calcolítico, cunha antigüidade
que ronda os 4.000 anos. O xacemento, no seu conxunto, configuraría un espazo simbólico relacionado con algún tipo de ritual.

O Bolo de Betote no seu emprazamento orixinal antes de ser cuberto polas silveiras / Xabier Moure

Segundo a memoria de Actuacións Arqueolóxicas do ano 2006, publicada pola Consellería de Cultura, o coñecido como Bolo de Betote foi
trasladado para unha propiedade de titularidade pública, sinalándose que, ademais dos accesos, se colocarían dous paneis explicativos.

Dende o pasado verán, no Colectivo Patrimonio dos Ancares recibimos varias queixas achegadas por persoas e asociacións para denunciar o
estado de abandono en que se atopa este singular ben patrimonial, mesmo houbo xente que, simplemente, non foi quen de localizalo. O
sábado pasado acercámonos ata o lugar, comprobando, en efecto, que cómpre saber con exactitude onde se atopa o Bolo de Betote para poder
dar con el. Aínda así, debido á mestísima maleza que o cubre (arbustos, silvas, etc.) resulta imposible aprecialo.

LIMPEZA DO BEN

No día de hoxe enviámoslle un correo electrónico á Concellalía de Cultura do Concello de Sarria (tamén llo imos enviar ao restos dos
partidos da corporación municipal) para que fagan as xestións necesarias para valorizar este importantísimo, case único no seu tipo,
ben patrimonial, procedendo á limpeza do entorno e sinalizándoo xa que a pesares do reflectivo na mencionada memoria, que nós saibamos, nunca
se sinalizou.

Bolo de Betote antes de ser trasladado do seu emprazamento orixinal / Xabier Moure

No ano 2015 xa denunciamos o seu abandono por parte das Administración, situación que empeorou co paso dos anos. Sempre se pon a desculpa da dificultade para sinalizar un ben patrimonial alegando que a maioría se atopan en propiedade privada. Pero non é este o caso porque que se ubica nunha propiedade pública e, ademais, goza da máxima protección xa que ao ter gravuras (cazoletas) é, de por si, Ben de Interese Cultural (BIC). Sería o primeiro xacemento prehistórico posto en valor no concello de Sarria.

Tamén lle enviamos un escrito á Xunta de Galicia para que corrixan a ubicación actual do Bolo de Betote na cartografía do PBA (Plan Básico
Autonómico), xa que nela figura situado no lugar onde apareceu (que tamén se debe respectar), pero non na nova ubicación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...