A Xunta presenta a súa “pioneira” Lei de Museos para “coordinar máis” os centros
A “nova” e “pioneira”, segundo a Xunta, Lei Galega de Museos recibiu este xoves luz verde do Executivo autonómico e será remitida ao Parlamento, onde será tramitada e, segundo avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibirá a aprobación definitiva antes de que finalice o primeiro semestre de 2020.
Feijóo e o titular da carteira autonómica de Cultura, Román Rodríguez, deron os detalles desta norma que aspira a dar seguridade xurídica ao definir cada unha das tipoloxías que integran o concepto “xenérico” de centro museístico e dentro das cales se engadirá unha nova categoría, a de centros de interpretación do patrimonio cultural.
Ademais, establecerá o Sistema Galego de Centros Museísticos, co fin de potenciar a “coordinación”, así como mellorar a organización e o funcionamento das institucións que o integren e facilitará a creación de redes de centros museísticos para a cooperación no aproveitamento dos medios dos que dispoñen.Tamén se adoptará un rexistro xeral de centros museísticos.
O conselleiro de Cultura ratificou o “compromiso” da Xunta cos museos da comunidade e remarcou que o Sistema Galego de Centros Museísticos organizará “de forma eficiente” a xestión cultural e científica dos centros “respectando a súa autonomía”.