fbpx
Monumento á memoria dos mártires e asasinados na Guerra Civil a mans dos falanxistas e fascistas na Ponte do Barco, en Cerdedo / Calros Solla

A “solución Laxoso” ou como borrar a simboloxía franquista sen o apoio das institucións

Tempo de lectura: 5 min.

Entre novembro de 2019 e xaneiro de 2020 o colectivo Capitán Gosende completou o inventario da simbólica franquista aínda existente no antigo concello de Cerdedo. Os resultados veñen ratificar o flagrante incumprimento da Lei de Memoria Histórica (52/2007), trece anos despois da súa entrada en vigor. Con este traballo, Cerdedo convértese no primeiro territorio galego (e probabelmente, do Estado) en contar cun catálogo rigoroso desta nefasta e contumaz simboloxía.

Percorridas as oito parroquias do outrora municipio, o número de fontes e lavadoiros públicos afeados co emblema de Falange (xugo e frechas) ou con siglas de desaparecidos organismos franquistas (J.A.M., O.S.M.) ascende na actualidade a vinte e seis (26): 2 fontes en Parada, 2 fontes en Folgoso, 4 fontes en Quireza, 6 fontes e 1 lavadoiro en Tomonde, 1 fonte en Castro, 5 fontes en Figueiroa e 5 fontes en Cerdedo. A única parroquia cerdedesa que se desfixo da simboloxía preconstitucional é a de Pedre. Escrutado o noso arquivo de fotografías antigas, no concello de Cerdedo o número de inmóbeis riscados co selo de Falange puido superar, xacando, a corentena. Se hoxe consignamos 26 inmóbeis marcados con símbolos ilegais, non é porque houbese vontade política de obliteralos, senón porque moitas das fontes tradicionais foron, nesta última década, substituídas por outras de nova feitura, a maioría de pésimo gusto. Que non houbo vontade política fica corroborado coas recentes restauracións (anos 2011 e 2017) levadas a cabo nas fontes de Framil e O Milladoiro (Parada), Covas (Folgoso), A Devesa (Tomonde), Figueiroa e Barro de Arén (Cerdedo) que, efectuadas xa pola brigada municipal de Obras, xa polo Obradoiro de Emprego do Concello de Cerdedo (e con fondos europeos), mostráronse moi respectuosas co “xugo e as frechas”.

Cómpre lembrar que, segundo os investigadores da represión fascista en Tabeirós-Montes, militantes ou simpatizantes do partido político Falange Española (fundado en 1933) estiveron directamente implicados nos asasinatos dos republicanos cerdedeses Xosé Torres Paz e Xosé Cortizo González (11 de agosto de 1936), Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias (13 de agosto de 1936), Xerardo Bugallo Lois (1939)…; así como en innúmeros episodios de represión, padecidos polos cerdedeses e cerdedesas que se comprometeron coa defensa da democracia.

Fonte pública do Milladoiro (Parada) con simboloxía franquista en Cerdedo / CS

Cruz aos mortos franquistas

A maiores, no noso informe consignamos a cruz posfranquista do Cruceiro de Antas, as inscricións na honra dos mortos do bando golpista labradas en mármore na parede norte da igrexa parroquial de San Xoán de Cerdedo e, no mesmo núcleo urbano, a placa da rúa dedicada a Manuel Gutiérrez Torres, alcalde durante a ditadura (dous mandatos) e xefe local de Falange. É dicir, en Cerdedo é de lei (e é de xustiza) actuar en 29 localizacións. Nas 25 fontes e 1 lavadoiro, os labores de abuxardado das inscricións deberan preservar, así e todo, a data de construción.

En substitución do alcalde franquista, o colectivo Capitán Gosende propón que a devandita rúa de Cerdedo se lle dedique a Xosé R. Otero Espasandín (1900-1987). Natural do lugar de Castro do Medio (parroquia de Castro), Otero Espasandín foi mestre, divulgador científico e poeta. Velaquí un retallo da súa biografía enviada ao xornal Faro de Vigo (2-8-2015):

“Xosé Roxelio Otero Espasandín, mestre e poeta, fillo de labregos, naceu na parroquia cerdedesa de Santa Baia de Castro, lugar de Castro do Medio, en novembro de 1900. Amén da súa obra poética e xornalística en galego, é autor, en castelán, de máis dunha trintena de libros de divulgación histórica e científica, elaborados, boa parte, durante a súa estadía bonaerense. O pintor e escritor Luís Seoane, camarada na diáspora, exclamaría: ‘realizó en seis o siete años una labor enciclopédica sin igual’.

Intelectual comprometido coa educación, a liberdade e a democracia, viuse obrigado a fuxir dunha España esgazada polas poutas do fascismo. Padeceu a condición de refuxiado no campo francés de Saint-Cyprien (1939) e o posterior exilio en Inglaterra (1939-41), Arxentina (1941-47) e Estados Unidos. Otero Espasandín, que non voltaría a Galiza, faleceu en Washington o 15 de outubro de 1987, após unha vida entregada ao estudo e á docencia…”

Fonte pública de Framil (Parada), en Cerdedo, con simboloxía franquista / CS

Posición institucional

En xuño de 2017, o alcalde Cubela declaraba na prensa que as tarefas de eliminación da simboloxía franquista se abordarían cando se determinasen con exactitude os elementos que se debían retirar. Arelando resarcir as vítimas do fascismo e os seus descendentes da inacción institucional e afeitos a emprender tarefas que xamais asumirá a autoridade local, o colectivo Capitán Gosende emprendeu a catalogación deste ofensivo anacronismo, esixindo a subsecuente erradicación. Cumprida a nosa encomenda, lembrámoslle á alcaldía que unha administración que alardea do incumprimento das leis, xamais poderá facer valer a súa autoridade moral sobre ningún dos seus administrados.

A devandita lei 52/2007, no seu artigo 15 (“Símbolos y monumentos públicos”), apartado 1, di: “Las Administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias, tomarán las medidas oportunas para la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura…”. E no seu apartado 3: “El Gobierno colaborará con las Comunidades Autónomas y las Entidades Locales en la elaboración de un catálogo de vestigios relativos a la Guerra Civil y la Dictadura…”.
En ausencia de calquera outra iniciativa, o voluntariado do Capitán Gosende encomendouse o quefacer de constatar a ilegalidade, localizando e describindo os amentados “vestigios”. Concluído o inventario, unha copia do mesmo foille remitida a cada un dos representantes dos partidos da oposición (BNG e PSOE) dos concellos fusionados, co fin de esixirlle á autoridade a observancia da lei (doe dicir isto). Así mesmo, o informe está a disposición do público en xeral na web Tabeirós-Montes.

Mais, con lei ou sen lei, apelamos á cordura facendo nosas as palabras do historiador Xosé Álvarez Castro, pronunciadas no Campo das Laudas o 10 de decembro de 2016 co gallo da homenaxe a Xosé Otero Espasandín: “Que non se cumpra xa non unha lei, senón os máis elementais principios de recoñecemento ás vítimas e a condena dos crimes contra a humanidade cometidos polos golpistas”.

Dende o colectivo Capitán Gosende facemos un chamamento a outras asociacións ou colectivos irmáns para que, nos territorios baixo a súa “xurisdición”, promovan ou emprendan unha tarefa tan lexítima coma necesaria. De non ver satisfeita esta reclamación, o pobo está no dereito de emular a loábel determinación dos veciños da aldea de Laxoso (Quireza) que, hai uns anos, borraron cos seus propios medios os infames emblemas das tres fontes do lugar. Os de Capitán Gosende demos en chamar este método expeditivo a “Solución Laxoso”.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...