fbpx
Logo dos encontros / foto Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura leva á web e de balde cinco anos de xornadas sobre o patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

Naceron para ser un lugar de encontro entre profesionais, administracións e cidadanía arredor de espazos do noso patrimonio sobre os que se estaba a desenvolver algunha actuación. E dende hai cinco anos se desenvolven periodicamente en diferentes cidades galegas. Mais nesta ocasión e co problema da Covid-19 o Consello da Cultura Galega decidiu crear unha edición dixital de todos estes encontros.

Os encontros naceron da man da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, primeiro coordinada por Iago Seara e desde 2016 por Rebeca Blanco Rotea. Estas citas respondían a asuntos de interese social, por demanda e petición cidadá, pero tamén a conflitos sociais relacionados coa protección ou recuperación do patrimonio, así como iniciativas do patrimonio industrial, entre moitos outros asuntos.

 

As xornadas mantiveron unha tendencia crecente de público e permitiron a introdución de cambios no formato. O máis destacado de todos eles foi o de saír da sede institucional e desprazarse ata os propios espazos analizados. Así, estas citas desenvolvéronse en Ferrol, Ourense e Vigo, para coñecer as semellanzas e diferenzas dos programas de rehabilitación dos seus cascos históricos; en Tui e pero tamén no mar, nun percorrido en barco pola ría de Vigo para analizar as salinas romanas, entre outros moitos espazos.

En consonancia coa liña de difusión pública da institución, que ofrece todas as súas actividades en directo, as xornadas que se realizaron fóra da sede institucional foron gravadas. Agora, todos eses vídeos están dispoñibles para as e os usuarios na rede. Cada martes iranse poñendo á disposición da poboación novos materiais.

Logo dos encontros nunha captura web / foto Consello da Cultura Galega

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...