Pódese parar o desastre do noso patrimonio?
Como ben podedes comprobar a diario no noso xornal o patrimonio galego está a sufrir nos últimos anos unha vaga de atentados e desfeitas como nunca antes na nosa historia. Desastres que non só se seguen a producir senón que ademais va a máis ó mesmo ritmo que crecen actividades como a construción, as industrias madeireiras o forestais ou turismo de masas.
Pódese parar este desastre? Iso é precisamente o que queren saber un grupo de expertos en patrimonio que se reunirán dun xeito virtual o vindeiro venres 29 de maio. Farano na rede social Facebook e na plataforma YouTube, baixo o amparo da Asociación Cultural Roxín Roxal, a Rede de Patrimonio Cultural e co financiamento da Deputación da Coruña.
Serán Soledad Felloza da Rede de Patrimonio Cultural, Adela Figueroa de Adega, o historiador da asociación Patrimonio dos Ancares, Xavier Moure, colaborador de Historia de Galicia, e o Arqueólogo e director científico do CV Castro das Travesas, Antón Malde. Trátase de entender por que nin no confinamento cesou a destrución do patrimonio galego e como industrias como a madeireira están a impor a súa propia lei.

Pegadas do tractor agrario que esnaquiou o camiño do castro de Baroña / foto Ría de Noia