fbpx
Igrexa de Santa María da Atalaia, na vila de Laxe / foto Íñigo Mouzo Riobó

Chega tarde a declaración como Ben de Interese Cultural de Santa María da Atalaia de Laxe?

Tempo de lectura: 2 min.

A comezos deste mes de xuño chegábanos a nova, a Xunta incoa expediente para a declaración de Ben de interese Cultural da Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe. Pois a parroquial da vila, do século XVI e con relevos que se remontan varios séculos atrás é unha das xoias do estilo nomeado como gótico mariñeiro.

Como Ben de interese Cultural a igrexa de Santa María da Atalaia contará co maior grao de protección que ostenta o patrimonio galego. Isto implicará que para calquera obra, tanto nela como no seu entorno de protección, será imprescindible pedir autorización á Dirección Xeral de Patrimonio.

Porén, para algúns expertos, esta declaración, solicitada polo Concello de Laxe, chega xa demasiado tarde. Pois  igrexa, tal e como indica o seu nome está situada nunha atalaia ou baluarte que se empregaría como defensa activa da vila ante invasións por mar. É por isto que a igrexa historicamente sobresaíu sobre o casarío da histórica sendo depositaria da súa imaxe e das paisaxes dende e sobre a vila.

Ata cinco andares ó seu pé

Porén esta imaxe viuse radicalmente modificada ó longo da última década. Foi co crecemento da vila e a construción de edificios de grandes dimensións no que hoxe sería o entorno de protección directo da igrexa. Edificios que de dous coñecidos construtores da vila e que, ó mesmo pé de Santa María erguerían edificacións de ata cinco andares.

Efectivamente o non contar con protección este lugar da vila, e atoparse o PXOM en vías de aprobación, non existiu ningunha normativa legal que protexera tanto o perfil da histórica vila -que hoxe case segue sen protección alén do plan- como a excepcional igrexa de Santa María. De terse incoado expediente tan só uns anos antes os dous edificios, segundo a Lei 5/2016 de 4 de Maio de Patrimonio Cultural de Galicia, serían legalmente inviables.

O porto de mar dos Moscoso

A igrexa de Santa María da Atalaia é un dos edificios que perviviron outrora excepcional centro histórico de Laxe. Tratábase da época na que Laxe era unha das vilas mariñeiras máis importantes da zona, sendo ademais o gran porto de mar do señorío dos Moscoso.

Sinal disto son os grandes edificios de pedra que aínda hoxe se conservan excepcionalmente na vila. Unha delas é singular Casa do Arco coetánea de Santa María, unha casa forte de pedra asentada sobre un gran arco gótico. Porén existen aínda moitas outras construcións que están aínda por estudar e que poderían dar luz sobre a que podería ter sido unha das vilas de mar máis importantes de Galicia.

Igrexa de Santa María da Atalaia, na vila de Laxe / foto Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...