fbpx
Pazo de Meirás / fonte Wikimedia loischantada CCBy

O neto dunha expulsada das terras e o primeiro alcalde do PP, así foi a primeira xornada do xuízo de Meirás

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado luns comezou po xuízo polo pazo de Meirás, en litixio pola propiedade da Familia Franco. O xuízo está a desenvolverse no xulgado de Primeira Instancia numero 1 da Coruña. Dirímese a propiedade do pazo herdado pola familia Franco despois de que pasara da familia da condesa Emilia Pardo Bazán á familia do ditador en raras circunstancias durante o Franquismo.

O demandante é a Avogacía do Estado e solicita a devolución da propiedade ó patrimonio público contando como intervintes á Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os Concellos de Sada e a Coruña. Como parte demandada persoáronse seis membros da familia Franco e unha sociedade mercantil.

A defensa sostén que Franco comprou o pazo á familia Pardo Bazán. Pola súa banda a Avogacía do Estado sostén que ó empregar Franco en vida o Pazo de Meirás como residencia oficial, e os seus gastos de adecuación, mantemento e persoal foron pagados polas arcas públicas, o Estado tería usucapiado o ben, é dicir, adquirido a súa propiedade mediante a súa posesión continuada, ininterrompida e pacífica.

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas /  foto Youtube

O avogado da familia Franco, Luis Felipe Utrera Molina, asegurou durante o xuízo que este debe ser de natureza civil, confiando en que “non haxa ningunha implicación política”. Porén varias asociacións foron na xornada do luns á porta do Xulgado da Coruña reivindicando que “o pazo é do pobo” e pedindo “xustiza e dignidade”.

O neto dunha expulsada

“Á miña aboa expulsárona da súa casa”. Así relatou na primeira xornada un testemuña da avogacía, de 70 anos de idade e veciño de Meirás. O veciño relataba como á súa aboa lle quitaron ás súas terras para ampliar a propiedade do pazo durante a etapa na que os Franco ocupaban o lugar. Tamén corroborou a versión da Abogacía, pois os Franco empregaban a propiedade como unha vivenda de Estado, rodeados de persoal de seguridade e civil, que habitaban de feito alí.

Carmen Polo, muller de Franco, coa súa familia nos xardíns do Pazo de Meirás

O primeiro alcalde do PP cos Franco

Pola súa parte como testemuña da familia Franco, entre outros, comparecía o primeiro alcalde democrático de Sada, o popular Ramón Rodríguez Ares. Ares púxose do lado da familia ó asegurar que o pazo “foi sempre de propiedade privada”. Segundo el, ó longo do tempo, tanto a Deputación como o Concello da Coruña interesáronse pola compra do pazo co que se recoñece a propiedade dos Franco.

Ademais de Rodríguez Ares houbo outras testemuñas na primeira xornada. Entre eles un garda hortelán do pazo, varios veciños de Meirás, un funcionario do Concello da Coruña ou un amigo da familia Martínez-Bordiú Franco. Mentres o funcionario afirmou que o pazo non abonaba nada polos servizos públicos recibidos da cidade, mentres a amizade da familia Franco facía fincapé no esforzo económico que fixo a familia para reformar o pazo tras o incendio de 1978.

Pode que che interese...