fbpx
Torres do Allo, en Zas, un dos pazos máis antigos de Galicia / Galipedia

Continúa un verán cheo de actividades nas Torres do Allo

Tempo de lectura: 3 min.

Despois do parón da Covid-19 as Torres do Allo están a acoller nova vida este verán. É a través de diversas actividades desenvolvidas froito da colaboración da Concellería de Cultura de Zas e a Deputación da Coruña. De balde e orientadas a todos os públicos, visitas guiadas, teatralizadas, unha feira de artesanía ou a exposición sobre “A Brandomil Romana” encherán de cultura as torres este verán.

As visitas guiadas e visitas teatralizadas formarán o eixo das actividades, centradas, neste caso en coñecer as torres. As visitas guiadas ás Torres do Allo, serán, unha vez máis abertas e de balde, ás 13:00 e ás 17:00 horas, con aforo limitado e cumprindo coas medidas da Covid-19. Amenizaranse ademais cun Xogo de Pistas. Tamén volven as visitas teatralizadas coa compañía Os Quinquilláns, todos os domingos a partir das 19.30 horas.

Os Quinquilláns nas Torres do Allo / foto HdG

Ademais das visitas, unha vez máis este ano e chegada a súa cuarta edición, todos os visitantes das Torres poderán participar entre o 15 de xullo e o 30 de agosto no concurso fotográfico “Enfoques do Allo”. Ademais o vindeiro 31 de agosto, no excepcional entorno das torres celebrarase un ano máis o Mercado de San Ramón, centrado na exposición e venda de artesanía.

Os Quinquilláns nas Torres do Allo / foto HdG

Unha exposición sobre “A Brandomil Romana”

Ademais, como xa contamos noutro artigo, a Concellería de Cultura de Zas, xunto coa Deputación da Coruña e a Fundación Brandomil, organizaron nas Torres para este verán e -ata o vindeiro 15 de setembro- a exposición “A Brandomil Romana”. Trátase dun percorrido polo pasado romano de Brandomil, a través de paneis explicativos e a proxección do documental “Brandomil, vila romana a carón do Xallas” desenvolvido pola Fundación Brandomil.

Detalle da Exposición Brandomil Romana nas Torres do Allo / foto HdG

Trátase de recoller o pasado romano deste excepcional enclave da Costa da Morte, un lugar que conserva aínda hoxe unha ponte medieval con precedentes romanos, restos viarios, así como varios castros romanizados ó seu carón. O lugar é un dos lugares clave para coñecer o pasado romano da comarca pois foi vado romano dentro da vía Per Loca Maritima, a Vía XX do Itinerario Antonino.

Detalle da Exposición Brandomil Romana nas Torres do Allo / foto HdG

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...