fbpx
Dolmen de Pedra da Moura no Concello de Vimianzo / foto HdG

Pintadas, plantacións, paso de maquinaria… estas son as últimas desfeitas nos dolmens da Costa da Morte

Tempo de lectura: 2 min.

Un dos recursos patrimoniais e turísticos máis importantes da Costa da Morte está na súa Ruta dos Dolmens. Trátase dun percorrido que forma parte do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte e que, a través de varios concellos da zona, amosa os megálitos máis importantes das comarcas de Bergantiños, Soneira, Xallas e Fisterra.

De feito, como xa contamos no seu día, a propia Deputación da Coruña coa colaboración de 10 Concellos da zona está a desenvolver este proxecto para recuperar ata 14 xacementos. Trátase de sinalizar os seus accesos, instalar sinalización in situ e paneis interpretativos e mesmo mercar os terreos nos que se atopan situados os megálitos e as súas mámoas.

Dolmen de Pedra da Arca en Vimianzo / foto Cándido Rico no grupo Dólmenes de Galicia

Porén, todo este traballo de recuperación, promoción e divulgación que Concellos como o de Vimianzo, no que se atopan a maior parte dos megálitos, están a desenvolver, non están a impedir a vandalización dalgúns dos máis importantes xacementos desta zona. Pois en menos dun ano, entre xuño do pasado 2020 e o que levamos de 2021, tres dos dolmens máis importantes da ruta foron obxecto de atentados patrimoniais.

O primeiro foi no de Pedra da Arca, un dos máis impresionantes e mellor conservados da ruta. O dolmen apareceu o pasado mes de xuño con parte da súa coiraza estragada por mor dunha plantación de millo. O millo naceu, creceu e recolleuse, e a día de hoxe este medio non ten constancia de sancións, nin de proxecto algún de recuperación tras os estragos.

Dolmen de Pedra da Moura no Concello de Vimianzo / foto HdG

O segundo en estar moi preto de sufrir danos semellantes foi o dolmen de Pedra da Moura. No mes de setembro un dos nosos colaboradores puido comprobar como unha maquinaria forestal de gran tonelaxe pasara ó mesmo pé da súa mámoa. A maquinaria desfixo o seu camiño de acceso pasando pola súa área de protección.

Por último no día de antonte o Concello de Vimianzo informaba de cómo o dolmen de Pedra Cuberta, no que o pasado verán desenvolvéronse visitas guiadas, apareceu co seu interior riscado con xiz, con imaxes do que semellan gatos, persoas e elefantes. Un estrago que non por estar feito con este material é menos grave. Pois a cámara do dolmen, especialmente fráxil, ten no seu interior pinturas descubertas na década de 1930 e conservadas dende vai máis de tres milenios.

Actos vandálicos no dolmen de Pedra cuberta / foto Concello de Vimianzo

 

Pode que che interese...