fbpx
Dolmen de Dombate / foto Íñigo M. Riobó

Música clásica e obradoiros de prehistoria no Dolmen de Dombate

Tempo de lectura: 2 min.

Dende mediados de xullo e ata finais de agosto o Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños amenizará o seu verán con música e obradoiros de prehistoria. Trátase de actividades lúdicas e culturais para as xornadas de verán co obxectivo de reactivar o Centro Arqueolíxico despois do parón da Covid-19, e grazas a un convenio entre o Concello de Cabana de Bergantiños e a Deputación Provincial.

E é que ó longo de este verán e en datas concretas das fins de semana o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá diferentes obradoiros para coñecer a nosa prehistoria. Será, como xa se fixo no pasado, a través da empresa Galipat Servizos Culturais, con talleres como As cores de Dombate: pinturas máxicas, Escavación: a vida baixo a terra As gravuras da fornella e Azagaias, frechas e arcos, á caza.

Cartaz do ciclo Música na catedral

Ademais dos obradoiros tamén se inaugurou o pasado 17 de xullo o ciclo Música na Catedral, no que ó longo de todo o verán, e cun aforo moi reducido por mor da Covid-19, diversos artistas interpretarán música clásica dentro do pavillón do centro de Interpretación. Polo ciclo xa pasaron os violinistas Ruslan Asanov e Dasha Pankratova,  así como o dúo Alfonso e Hugo Franco.

Fixérono nos pasados días 17 e 31 en dous pases cada un, interpretándose pezas de Bach, Haendel ou Bocherinni. Porén, segundo a programación, os vindeiros días 7 e 28 de agosto haberá dous novos pases de Fernando Fraga e do dúo Caamaño-Ameixeiras, que encherán, tamén en dous pases o recinto coa mellor música clásica. Por mor da Covid-19, as actividades, con aforo moi limitado requirirán reserva de praza.

Críticas de asociacións veciñais por perigo para o monumento

Porén non todo son louvanzas para as actividades. Pois determinadas asociacións veciñais como a Asociación Salvemos Cabana, veñen denunciando dende fai tempo o perigo para o dolmen do desenvolvemento de concertos dentro do recinto no que se atopa o monumento. Segundo eles o cambio no aforo do edificio durante as actuacións musicais, así como a inoperancia do edificio fronte os cambios de temperatura e humidade, pode poñer en risco as pinturas do dolmen pola súa extrema fraxilidade.

Dolmen de Dombate / turismo.gal

Dolmen de Dombate / foto turismo.gal

 

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...