Queres coñecer os “torques ártabros” de Galicia?
Un torque é un colar ríxido de metal e semicircular. Os torques foron moi frecuentes no neolítico centroeuropeo e da Europa atlántica, aparecendo con moita frecuencia nos castros galegos da Idade do Ferro. Pénsase que foi un elemento tradicional de distinción social entre os galaicos que serviría para amosar o poder de quen o vestía, aínda que probablemente estiveran tamén relacionados con algúns outros tipos ritos.
Os torques soen estar, polo xeral, feitos de ouro macizo e contar con excepcionais filigranas decorativas des estilo xeométrico. Son pezas de gran valor, tanto dende un punto de vista metalúrxico como tamén artístico, que nos falan do uso dos metais que fixeron os galaicos con anterioridade a chegada dos romanos.
É por isto que para moitos este elemento específico do noso pasado merecía dende vai moito tempo un estudo profundo e unha monografía. Isto é precisamente o que fixo o arqueólogo, bolseiro Barrié e Premio Pedra do Destino 2020, Lois Ladra. Agora o seu traballo investigador ó redor deste elemento da nosa prehistoria aparece recollido no libro “Os torques ártabros, arqueoloxía e contextos para o ouro galaico“.
Cunha longa actividade no estudo e na divulgación en variados eidos da arqueoloxía, Ladra desenvolve un texto especialmente documentado e ilustrado que ven a encher un oco no estudo e divulgación da ourivería castrexa. O libro da editorial e librería Portas Ártabras que está prologado por Felipe-Senén, foi presentado o pasado día 23 de xullo, nun acto respectuoso coas medidas da Covid-19, filmado en vídeo e subido á plataforma YouTube.