fbpx

Forxados na prata e na gloria: Os torques de Sargadelos.

Tempo de lectura: 7 min.

Inmortalizada en versos e pinturas, a ourivería galaica cincelou con letras douradas a fama da Gallaecia nas táboas de mármore da Historia e da Arte. Do lendario escudo agasallado ao xeneral cartaxinés Aníbal até os torques de deuses e guerreiros, a ourivería galaica prendería un facho en Sargadelos nas mans de María Ripoll e Carmen Arias de Castro.

Torque de Burela. S. II a.C – I d.C. Autoría descoñecida. Técnica: Fundición, soldadura e filigrana. Material: Ouro. Dimensións: 59,5 cm (lonxitude); 21,5 cm (diámetro); 1,9 cm (grosor); 6,9 cm (remates). Peso: 1.812 gr. Procedencia: Chao de Castro, Burela. Sala do Tesouro, Museo Provincial de Lugo.

Phiala aurea caelata
quamuis Callaico rubeam generosa metallo
glorior arte magis: nam Myos iste labor.

“Cincelada copa de ouro/nobre polo fión Callaico, aínda que me dea rubor/estou orgulloso fundamentalmente pola túa arte: este é un traballo de Mios” escribiu o poeta Marcial. Tal exaltación lírica non é excepcional. Medamus, “un orfebre desta terra” que dixo Luís Seoane, foi igualmente merecedor de renome polo seu oficio exercido as beiras do Rhin. Tal boa fama proviña da habilidade e finura coa que se traballaban materiais nobres, conseguindo pezas dunha beleza excepcional. Dos galaicos destacan os cascos, as diademas, as arracadas, os aros, os colares, as fíbulas, os brazaletes ou os torques, estes derradeiros posiblemente un dos ornamentos máis estendidos nos primeiros tesouros de Europa. Xoias distintivas de divindades -como aparece no Caldeiro de Gundestrup– e de guerreiros -o que sucede coas esculturas conservadas desa época-.

A esquerda: Gálata moribundo. 230 – 220 a.C. Autoría descoñecida. Encargada polo rei Átalo I Sóter (269 – 197 a.C) para formar parte do monumento escultórico os gálatas na Acrópole de Pérgamo. Material: Réplica romana en mármore da escultura orixinal broncínea. Medidas: 1´87 cm (longo). 0´93 cm (altura). Museos Capitolinos, Roma. Os pobos galos a comezos do século III a. C estendéronse por diversos territorios, asentándose en rexións antigas como Asia Menor (actual Turquía). Debido a isto o territorio tomou o nome de Galacia, chamándose gálatas os seus habitantes. Cando esta escultura foi realizada, con grande realismo en detalles (como o torque e o rostro), fíxose homenaxe a actitude dos celtas -foran identificados como tal nesta época-. O nu heroico e a expresividade, propias da Escola de Pérgamo, mostraban a dignidade e a valentía que os antigos observaran neles. A dereita:Galo capturado. S. II d. C. Autoría descoñecida. Material: Escultura romana en bronce.

Este legado artístico e histórico, con todas as súas connotacións, foi recollido en Sargadelos. Xa dende o seu nacemento unha das liñas presentes era a continuidade, posta de manifesto nos principios do Laboratorio de Formas. Os seus principais impulsores, Seoane e Isaac Díaz Pardo, estiveran ademais expostos dende novos a fitos como o Seminario de Estudos Galegos. Existía unha conciencia do valor dos temas e motivos históricos, do que proxectaban, do que significaban na contribución a un estilo de vida, a un criterio, a unha mentalidade. Non é de estrañar, polo tanto, que tal atmósfera creativa, tal filosofía, estivera presente nos proxectos e deseños ideados. E foi precisamente neste ambiente cando xurdiron os torques de Sargadelos.

Os fornos da fábrica de Sargadelos, Cervo. 1794. Os fornos formaron parte da primeira fase da Real Fábrica establecida polo ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez Llano y Valdés. El introduciu esta primeira fundición como base dunha industria siderúrxica, e chegando co tempo a formar un complexo entramado de altos fornos. A fábrica, en 1804, iniciaría a manufactura de cerámica para a producción de louza fina e porcelana de estampado mecánico. Outros dous proxectos que foran pensados foran unha vidrería e unha fábrica téxtil. Como el escribíu “la población es la que constituye la riqueza y la fuerza de los Estados. No puede sostener el progresar sino por medio de la industria, fábricas, comercio y navegación, cuyos ramos son el poderoso agente de la industria, que es la primera, la más esencial e indispensable de las artes”. Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez.

Fábrica de Sargadelos, Cervo. 1970. Planta circular de Lois Fernández-Albalat, modelos de pasos ideados por Isaac Díaz Pardo. Este edificio fora realizado preto das antigas edificiacións do complexo industrial de fundición. De este xeito conserváronse e se lles deu protección legal en 1972 como conxunto Histórico – Artístico (hoxe Ben de Interese Cultural). Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez.

O lugar de nacemento destes torques foi en Lugo, concretamente en Cervo. Foi aquí, onde as fábricas primixenias de cerámica fundadas polo Marqués de Sargadelos, onde se construíu a segunda sede da man de Fernández – Albalat e Díaz Pardo en 1970. (A primeira é a do Castro de Samoedo, en Sada). E foi aquí onde María Ripoll e Carmen Arias de Castro, concibiron a idea da realización de ourivería. Dados excelentes modelos como o Torque de Burela, atopado ademais preto da sede lucense. Contaban con precedentes que servirían para establecer novos deseños. Tales deseños estiveron a cargo de tres persoas: as propias Ripoll e Arias, xunto co xoieiro José Luís Sánchez.

Carmen Arias de Castro, Arturo Cuadrado e María Ripoll en Sargadelos. 1980. Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro.

Para a súa realización partíase dun traballo previo de documentación, que incluía tanto o estudo de libros como visitas ao Museo Provincial de Lugo. De entre os libros consultados, recorríase a publicacións como El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia (1996), catálogo da exposición do mesmo nome realizada no Museo Provincial de Lugo. Neste museo, ademais, tomábase nota das pezas expostas. A maior atención púxose nos torques da Mariña luguesa, tales como os torques de Marzán (Foz) e o de A Recadieira (Mondoñedo). Todos eles serviron de inspiración para crear novos torques.

Torque de Marzán. S. III a.C – S. I d.C. Autoría descoñecida. Técnica: Fundición, soldadura e filigrana. Material: Ouro. Medidas: 37,7 cm (lonxitude); 16 cm (diámetro); 2 cm (grosor); 4,2 cm (remates). Peso: 523,29 gr. Procedencia: Punta de Marzán, Foz. Sala do Tesouro, Museo Provincial de Lugo.

Torque de A Recadieira II. S. III a. C– I d.C. Autoría descoñecida. Técnica: Fundición e soldadura. Material: Ouro. Medidas: 39 cm (lonxitude); 22 cm (diámetro); grosor: 1,25 cm (grosor); 3,5 cm (remates). Peso: 1.182,66 gr. Procedencia: Castro de A Recadieira, Mondoñedo. Sala do Tesouro, Museo Provincial de Lugo.

Os torques galaicos orixinais, na súa maioría, están realizados integramente en ouro. Se trata de pezas cun corpo circular, cunha parte central destacada -ben por ser moi elaborada ou ser lisa- mentres que os extremos tenden a aparecer trenzados ou anelados. O corpo dun torque tamén pode aparecer totalmente sen ornamentación. Os característicos remates poden ser ovalados ou circulados, lisos ou traballados. Son abundantes os motivos xeométricos puros (triángulos, círculos e punteados) así como a combinación de texturas e volumes. As esculturas conservadas mostran que os guerreiros lucían, fundamentalmente, no pescozo. Tendo en conta -como se citou- a elevada sona e posición dos artistas da metalurxia, non é de estrañar que moitos deles foran considerados mesmo ofrendas dada a súa complexidade técnica e riqueza estética.

Guerreiros galaicos. S. IV a.C. Autoría descoñecida. Material: Granito. Medidas: 2 e 2,5 m. Procedencias: a escultura a dereita é orixinaria do Castro Outeiro de Lezenho, Vila Real. Museu Nacional de Arqueologia, Lisboa.

Os novos torques concibíronse a partir dos esquemas e características esenciais dos torques galaicos. Foron realizados na súa maioría en prata. (Tamén foron realizados en ouro, se ben se trataba de encargos particulares). O corpo mantivo a estrutura circular, establecendo un modelo cunha parte central lisa e os extremos cunha superficie anelada. Os remates estaban feitos en porcelana A súa sinxeleza e lixeireza estaban pensadas para que puideran ser empregados a cotío. Realizar torques como os que se conservaron (que eran ofrendas e non xoias para ser levadas) implicaría realizar pezas moi ríxidas e pesadas. O que se fixo foi unha versión que conservara a forza e fermosura dos orixinais, pero de tal xeito que resultaran prácticas.

Torques. 1994. Ripoll, Arias e Sánchez. Técnica: Fundición e porcelana de alta temperatura, decorada a man baixo cuberta. Material: Prata. Dimensións: 18 cm (lonxitude). Sargadelos. Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro.

Para tal obxectivo as tres persoas implicadas traballaron cada parte dos torques. Ripoll e Arias encargáronse do traballo da porcelana. Esto era fundamental para a realización dos torques. O proceso cerámico levábase a cabo no departamento de xoiería, sendo ambas encargadas do tallado e do decorado da porcelana. A prata era traballada por Sánchez, quen tiña vastos coñecementos nesta área. Tamén medíase por peso, técnica e temperatura axeitada. Os remates resultaran ocos por dentro mantendo unha superficie dura e fina. (Se os remates foran enteiramente de porcelana ou prata, o peso do torque faríao incómodo). Unha vez realizadas cada unha das partes, xuntábase para crear un torque. Estas pezas eran expostas en vitrinas de cristal das Galerías Sargadelos para seren adquiridas, formando unha faceta máis do proxecto.

Torques. 1994. Ripoll, Arias e Sánchez. Técnica: Fundición e porcelana de alta temperatura, decorada a man baixo cuberta. Material: Prata. Dimensións do torque de colo: 40 cm. Dimensións do torque de man: 18 cm (lonxitude). Sargadelos.Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro. Herdeiros das pezas históricas, estes torques para mulleres podían ser levados ben nas bonecas ou ben  no pescozo -a maneira das representacións na orfebrería e na escultura dos guerreiros e deuses-.

Da realización de ourivería a partir de modelos históricos apareceron xoias extraordinarias, como a Tiara Valkiria (1935). O proposto cos torques entroncaba perfectamente coas virtudes e a excelencia que transmiten os antigos torques galaicos. Non son xoias xenéricas. Son pezas con cultura e identidade e se corresponden como tal coa sociedade galega. Na vestimenta comunican unha idea, unha forma de ser, unha mirada propia. Os torques son iconas históricas, e os de Sargadelos establecen un equilibrio entre tal carácter e o estar nas vidas cotiás. Con estas pezas comunicábase orgullo e logros, unindo a persoas de tódolos ámbitos por medio do cultivo dunha orixinalidade xenuína.

 

O meu agradecemento de corazón a María Ripoll, a quen o seu coñecemento, dignidade e memoria debe moito este artigo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...