O lume dana e tamén deixa ver novos petróglifos como o atopado en Aranga
Aranga ten un novo petróglifo. Santiago Sas é o descubridor deste novo xacemento rupestre. A descuberta foi casual. A finais de febreiro, Santiago estaba traballando coa súa brigada forestal nun monte queimado moi cerca do inicio da coñecida Costa do Sal, no norte do concello de Aranga. Algo espertou a súa curiosidade cando puxo atención nunha pequena laxe.
O xacemento, estudado posteriormente pola Rula, localízase nun monte queimado de superficies chans situado no extremo oeste da parroquia de San Pedro de Feás, a menos de 350 metros ao leste do límite coa parroquia de Santa María de Ois, no veciño concello de Coirós.
Os xacementos arqueolóxicos coñecidos máis próximos están a pouco máis dun quilómetro en dirección suroeste atópase a grande necrópole megalítica do Monte da Retorta (GA 15027016-24) no concello de Coirós, con 14 mámoas catalogadas, ou 15 se contamos a próxima mámoa da Costa do Sal (GA15027015). A un quilómetro e medio en dirección norte están os petróglifos de Cruz de Curra e de Rivadevila. En dirección surleste, a 2,5 km, localízase a mámoa da Carpaceira e ao seu carón a mámoa da Pedra Chantada. Na mesma dirección, máis ao sur, a mámoa das Trapelas.
O petróglifo está nunha laxe de granito de gran fino, de forma alongada, apenas destacada sobre o terreo uns 35 centímetros na parte máis alta cunha superficie irregular, aparentemente pouco axeitada para acoller gravados. A superficie, debido aos lumes forestais, está afectada pola meteorización que produciu múltiples desprendementos de minerais da rocha que alteraron gravemente os gravados.

Petróglifo de Regalados, en Aranga / A Rula
A pesar de todo isto identificanse 8 motivos circulares. “Nun principio, a descuberta de Santiago semellaba un sinxelo panel con só dous motivos conservados pero grazas a unha análise en detalle e ao emprego da fotogrametría conseguimos identificar, a pesar do deficiente estado de conservación que presentan, un complexo panel con motivos que ocupan boa parte da súa superficie“, apuntan desde A Rula.
Procedederon xa a comunicar e solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a súa valoración e inclusión no Catálogo de Patrimonio Cultural como paso necesario para garantir a súa conservación.