fbpx

Díaz Baliño e Díaz Pardo: unha escenografía para Galicia

Tempo de lectura: 9 min.

1928 foi o ano no que se publicou a primeira edición do Das russische Theater. Sein Wesen und seine Geschichte mit besonderer Berücksichtigung der Revolutionsperiode (1927). Isto é O Teatro Ruso. O seu carácter e historia con especial referencia o periodo revolucionario. Este libro fora escrito e ilustrado por Joseph Gregor e René Fülöp-Miller, os cales dividírono en dúas partes: a primeira é un texto a modo de explicación da historia das artes escénicas rusas, unha análise das súas aportacións e unha conclusión respecto os derradeiros movementos que estaban a xurdir entón. A segunda parte é un conxunto de ilustracións que recollen esbozos, deseños de escenografías, caracterizacións e fotografías, mostrando a figuras relevantes dos ámbitos do teatro, o ballet  e a ópera así como escenas emblemáticas. Estas imaxes recollen os teatros populares conservados nos museos, as escenificacións de pasos relixiosos, as carrozas alegóricas da Revolución Francesa, as institucións teatrais gobernamentais ou as actuacións de mímica entre outros aspectos. Trátase dunha edición excelente na que estas imaxes aparecían en parte en branco e negro, pero moitas delas estaban non so en cor senón que mesmo reproducen os efectos dourados e prateados que formaban parte de traxes i escenografías.

Camilo Díaz Baliño e os seus fillos, Mercedes e Isaac. Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias.

As portas de entrar nos anos 30, Camilo Díaz Baliño logrou facerse con este libro. Formaba parte da súa colección de libros, publicacións e revistas que fora recollendo ao longo do tempo. Moitas delas viñan dun dos berces da vangarda europea, Alemaña, servindo de ponte para outras culturas do continente como Francia e Rusia. Tendo en conta a revolución artística orixinada nestes países, onde os novos movementos estaban a sucederse e a retroalimentarse, os contactos e coñecementos que podían adquirirse resultaban un calidoscopio de influencias e ideas que viñan a enriquecer os proxectos que estaban a concibirse. Para cando Díaz Baliño conseguiu este libro as vangardas artísticas europeas entraran na cultura galega da man de figuras coas que el tiña unha forte relación, como o tamén xermanófilo Vicente Risco.

Resulta interesante como un esteta e un artista foron quen de establecer tantas conexións a partir de pezas individuais. Xa non se trataba so de cultivar unha arte simbolista galega, senón que a pintura (ou unha ilustración ou un gravado) tivera un senso escénico. Tratábase de que as imaxes tiveran unha ética no concepto e na execución, e unha linguaxe visual que transmitira eses valores. Valores que eran, tal como era o espírito destas personalidades, esencialmente humanistas e propios. E uns valores que eles desexaban transmitir para unha sociedade galega emancipada, quen de construírse nun respecto por si mesma e para coa Humanidade.

Ao referirse a “senso escénico” non quere dicirse que a arte de Camilo Díaz Baliño, como as ideas de Vicente Risco, foran básicas e melodramáticas. Cando se quere dicir “senso escénico” é aludir a capacidade de que dende un espazo algo ou alguén é quen de emitir unha vibración, unha presenza e unha expresividade que ao entrar en contacto con outras persoas emerxa empatía compartida. Díaz Baliño como escenógrafo era quen de conseguir isto, o cal ía en corrente coas novas perspectivas sobre a danza e cadros escénicos que viñan da man de Bal y Gay. O mesmo poderíase dicir para a música de Rodríguez Losada e as obras de teatro de Cabanillas e Antón Villar Ponte.

Díaz Baliño traballou en coros, en operas e cinemas, tanto para o aspecto escénico como a publicidade. A sua casa era un epicentro onde viñan artistas novos e vellos, a que acudían escritores, pensadores, activistas, deseñadores e mestres, onde se gardában libros, obras de Arte, cerámicas de Sargadelos e Sévres e publicacións galegas i europeas, onde se xeraba toda unha actividade arredor de deseñar libros, cartaces ou xoias. A sua integración no SEG en 1924 sinalou o seu fondo coñecemento da arte histórica galega, o cal se traduciu nunha constante interpretación da mesma plasmada mediante os estilos contemporáneos.

Parte superior: Fotografía de Celtia na Magdalena (Arxentina). No alto da torre pode verse a anta, símbolo central da linguaxe iconográfica de Díaz Baliño. Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias.

Abaixo: Oficina da entrada ao Instituto Galego de Información en Santiago. Nótese o deseño inspirado nas arquitecturas pétreas galaicas, moi en liña coas recreacións da Antigüidade do pai. Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Isaac Díaz Pardo, o seu fillo, en moitos aspectos estendeu estas facetas do seu pai na sua propia laboura. É recoñecible a marca de Díaz Baliño na forma na que o fillo -xunto a Seoane- concibiu unir baixo o mesmo proxecto de Sargadelos. Uníu os cursos estivais (no que participaban artistas novos e vellos), a investigación das formas e as suas connotacións no Laboratorio de Formas, a reunión de químicos, artistas ou historiadores e a produción de libros con Ediciós O Castro para trasladar a cidadanía unha conciencia de si e un coñecemento en tódolos ámbitos posibles. É recoñecible Díaz Baliño na iconografía primeiro de Celtia, logo de Sargadelos e mais no Parlamento galego, na cerámica, nos libros e nas galerías. É recoñecible Díaz Baliño no establecemento dunha tradición artística galega dende a Prehistoria ata os mais creadores novos, que con Díaz Pardo incluíase os Renovadores e as seguintes xeracións a sumar. (Algo que púxose de manifesto cando ideouse o Museo Carlos Maside no Castro de Samoedo e a Biblioteca e Arquivo do Instituto Galego de Información). I é recoñecible na forma na que Isaac foi quen de entrelazar os distintos niveis de cultura establecidos para compoñer unha entidade.

Isto vese ata nas ramas traballadas na empresa, como é a produción de cerámica, xoias, cartaces, medios de comunicación, libros ou postas en escena para obras teatrais. E non porque Díaz Pardo levara consigo unha perspectiva anacrónica i escasamente acumulativa. (Sargadelos nunca foi unha empresa para acumular capital económico, senón para acumular un capital que é o do coñecemento, a identidade galega e as actitudes cívicas). O que Isaac levaba consigo era  unha compresión positiva, completa, enérxica e lúdica do traballo creativo e industrial. Xuvenil sen resultar pueril e madura sen resultar intolerante, sacando o mellor do espírito que reinara na sua casa e na Europa dos anos 20 e 30.

Arriba: Fotografía incluída na colección de imaxes de O teatro ruso. Correspónde a unha escenografía de Alexander Wesnin para a obra O home, de cando foi xoves. Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Abaixo: Paso entre edificios por unha galería conectada, deseño de Díaz Pardo, para o conxunto de edificios en Sargadelos en Cervo (Lugo). Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Pero este selo non so apareceu nos proxectos levados a cabo. Tamén apareceu na estética de Díaz Pardo, especialmente na arquitectura. Díaz Baliño -que traballaba tamén como delineante do Concello de Santiago- animara a Díaz Pardo en que fora arquitecto cando, tras un día particularmente difícil, díxolle: “¡estoy harto de los arquitectos! Tienes que ser arquitecto”. (Algo que o seu fillo gustaba, así que non existía maior problema). Unha identificación relevante é cómo de igual xeito que Díaz Baliño creaba escenografías cunhas ideas e un simbolismo, tamén Díaz Pardo fixo tal cousa. E unha referencia clara para comprender esa arquitectura súa -caracterizada por espazos cunha visión orgánica da xeometría- atópase en O Teatro Ruso.

Arriba: Escenografía para a obra Xulio César, deseñada por Amossof e incluída en O teatro ruso. Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Abaixo: Imaxe do auditorio do Museo Carlos Maside en Sada. Fotografía Juán Rodríguez.

Unha ollada mais atenta verá que trátase dunha arquitectura teatral, onde escaleiras, esquinas e mesmo as vigas externas xogan un papel activo, como unha sintetización entre a composición dun escenario ruso de 1926 e un cadro construtivista. Cada espazo está pensado igual que se fora un cadro no que rectas, curvas, ligas finas e grosas, as cores primarias e os xogos de luces e sombras aparecen de forma abstracta e interconectadas con ritmos harmónicos. O mesmo que se foran un lenzo de Kandinsky levados a unha proxección tridimensional. Pero son tamén unha recreación dos escenarios de Exter, Wesnin, Amosoff, Andrejenko e das producións do Mayerhold-Theather e de Max Reinhardt e Normann Bel-Geddes.

Arriba: Lámina da Acuarela, de Wassily Kandinsky, reproducida en O teatro ruso. Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Abaixo: Vista a contrapicado das escaleiras que conducen os distintos piso da exposición de obras no Museo Carlos Maside. Fotografía de Juán Rodríguez.

Non é de estrañar que Díaz Pardo tivera O Teatro Ruso en exposición no Departamento de Teatro de Sargadelos. (O libro ten o autógrafo de Díaz Baliño i está marcado coa lenda do Seminario de Sargadelos). Unha conversa entre Díaz Pardo e o seu fillo, Xosé Díaz Arias, da unha idea do peso das influencias antes citadas:

X.D: Ti, antes da Guerra, coñecías a Bauhaus e as experiencias construtivistas?

I.D.P: Si, porque había cousas aí moi interesantes. Aínda andan por aí no departamento que temos de teatro, algún libro  de cousas moi importantes, publicado en alemán, que teñen que ver moito cas vangardas rusas, porque aí está o constructivismo verdadeiramente.

X.D: De decorados…ó do teatro.

I.D.P: Ti coñécelo. The Russian theatre, así se titula.

X.D: Pero aquí puntualmente da Bauhaus non se tiñan noticias.

I.D.P: Si, na miña casa se recibía tamén esta que todavía se recibe agora en Sargadelos de deseño…

X.D: Novum Gebrautch Grafik.

I.D.P: Si. E hai declaracións de Luís Seoane, que están feitas1, en que fala de cómo ían ó taller do teu avó coñecer as revistas que viñan de Alemaña, mesmo están en Sargadelos, escrito es fascículos grandes con reproduccións e que están moi ben feitas para aquela época en cor. E é alemán tamén, é todo en alemán, cunha produción enorme, traducido “Museos de Europa”2.

Comparando as fotografías de escenografías que aparecen neste libro e os espazos que Díaz Pardo proxectara para os conxuntos en Cervo e Samoedo, apreciase unha similitude mais que estreita. Por suposto a Bauhaus era un modelo para o concepto da empresa e das escolas de Sargadelos. Pero tamén para a arquitectura e mesmo na aplicación dunha paleta cromática asociada o vermello, azul e amarelo fronte a branco e gris. A idea de espazos limpos e funcionais onde as grandes fiestras ocupan boa parte das fachadas ou onde materiais como o ferro aparecen unindo a forma e a función son propias da Bauhaus.

Pero tamén existe moito nas suas edificacións dos Vkhutemas. Estas escolas de deseño foran pensadas para dotar de produtos necesarios mais inmediatos, xerados coas visións de novos talentos artísticos. Tendo en conta o estado no que estaba Rusia tras o sistema imperial zarista, os Vkhutemas eran imprescindibles para dotar a sociedade tanto de material de primeira orde accesible como que foran modernos, de boa calidade e útiles a longo prazo para mellorar a calidade de vida de toda a poboación. Os deseños arquitectónicos dos Vkhutemas permitían que cada persoa tivera un espazo propio dentro dunha clase ou taller, dándolle grande importancia a entrada de luz e de ver a través das fiestras. Este sistema organizativo con estas connotacións foi trasladada por Díaz Pardo as naves de Celtia e a Sargadelos.

Arriba: Maqueta do teatro de sala realizada por Max Reinhardt e Normann Bel-Geddes para a representación da Divina Comedia de Dante. Está incluída en O teatro ruso. Fotografía Iria-Friné Rivera Vázquez.

Abaixo: Filmación do interior das oficinas e a nave central de Sargadelos en Sada, así como a presenza de Isaac nas mesmas e no auditorio do Instituto Galego de Información.

As escenografías rusas, xunto con estas dúas institucións, constitúen a semente de moitas das arquitecturas de Díaz Pardo. Sexa no auditorio no Carlos Maside ou na entrada do IGI, pode verse que o legado inmorrente destes homes foi a de darnos un marco co estar no mundo e unha pedagoxía para relacionarnos entre nós.

 

  1. Estas declaracións son as verbas emitidas no programa radiofónico Galicia emigrante que levou Seoane en Buenos Aires dende 1954 ata 1971. Logo estas verbas foron recollidas no libro Comunicacións mesturadas de Ediciós O Castro, concretamente no capítulo centrado no programa que Seoane dedicoulle a Camilo Díaz Baliño.
  2. VV.AA (2001), Arte/Industria Isaac Díaz Pardo, Labirinto de Paixóns – Galicia. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, A Coruña, pp. 68-69.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...