Un documento de 1602 permitiu localizar o primeiro petróglifo do Corgo | Historia de Galicia
Petróglifo atopado no Corgo / Patrimonio dos Ancares

Un documento de 1602 permitiu localizar o primeiro petróglifo do Corgo

Tempo de lectura: 2 min.

O día 1 de marzo do ano 1602 iníciase un preito entre Joseph Neira e varios veciños da freguesía de Adai (O Corgo) en que o primeiro reclamaba a titularidade dunhas terras situadas entre os montes da Laxe Branca e de Arriba. Segundo os documentos, un dos límites atopábase nunhas “piedras marcadas” entre as Penas do Ladrón e o rego da Ponticela.

Foi esa alusión o que nos levou aos do Colectivo Patimonio dos Ancares a tentar averiguar de que marcas se trataba, tarefa que non resultaba doada debido á cantidade de penas graníticas existentes na zona. Ademais, polas sucesivas plantacións de piñeiros e eucaliptos cabía a posibilidade de que foran destruídas. Despois de varios días peiteando o terreo localizamos as que cremos son as citadas marcas. Para a nosa sorpresa, identificamos unha combinación de tres círculos concéntricos, un círculo con coviña central e dúas cazoletas, motivos que pola súa tipoloxía encadramos na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos. Debido ao forte desgaste das combinacións, practicamente invisibles durante o día, achegámonos ao anoitecer para poder visualizalas de forma máis nidia con luz eléctrica indirecta.

Primeiro petróglifo atopado no Corgo / Patrimonio dos Ancares

Ata non hai moitas décadas críase que as gravuas de combinacións de círculos concéntricos eran inexistentes na provincia de Lugo, hipótese que se demostrou errada pola aparición deste tipo de insculturas rupestres ao aire libre ao longo da súa xeografía:  Antas de Ulla, Friol, Láncara, Lugo, Outeiro de Rei, O Saviñao, Sober…, incluso na comarca dos Ancares.

Está claro que a documentación antiga resulta fundamental, en moitos casos, para redescubrir elementos patrimoniais descoñecidos ou que se crían perdidos.

Estes de Adai podemos consideralos como os primeiros petróglifos prehistóricos documentados no concello do Corgo. No mes de xaneiro de 2018 localizamos unha pena de cuarcita que actuaba como divisoria entres as parroquias de Agustín (Castroverde) e Folgosa (O Corgo) con dúas coviñas e unha cruz latina que cremos foron realizadas en época medieval, gravados que xa foron catalogados por Patrimonio da Xunta de Galicia como A Pena da Cruz.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: