Cen anos do compostelán Salón Teatro, unha das grandes sedes da cultura na cidade
Cen anos de teatro e cine no corazón cultural da zona vella, interrompidos só en dúas décadas. Este e o legado que o vindeiro día 30 de outubro nos deixará o histórico Salón Teatro da cidade de Santiago de Compostela.
E é que o histórico teatro foi levantado en 1920 polo daquela arquitecto municipal Jesús López de Rego, un dos introdutores do modernismo na cidade e autor de obras como a inca do Espiño en Galeras. A súa primeira construción foi promovida en 1919 pola Liga Mutua de Señoras de Santiago.
De teatro da Liga a cine da Empresa Fraga
Na súa orixe estaría ideado como unha sala de eventos e espectáculos para as socias da Liga. Tería un aforo para máis de 500 persoas en forma de anfiteatro, patio de butacas, un andar primeiro con palcos e un escenario, iso si non moi grande.
Tras a Guerra Civil o local foi vendida a Acción Católica, pasando anos despois a mans da Empresa Fraga, converténdose en cine. Foi naquela época, en 1949, cando se reforma a fachada, tal e como hoxe se conserva deseñada polo histórico arquitecto Pons Sorolla y Arnau, cunha orde xigante de pilastras, e un singular balcón.
Sede do Centro Dramático Galego
Coa chegada das salas de multicine na década de 1970 o inmoble quedou en desuso ata que foi mercado pola Xunta de Galicia en 1996. Tres ano máis tarde foi reformado baixo o proxecto dos arquitectos Baltar, Bartolomé e Almuíña, perdéndose daquela, iso si, todo o seu antigo interior.
Dende aquela depende da Xunta sendo sede do Centro Dramático Galego (CDG). Foi inaugurado en outubro de 1999 coa obra Se o vello Sinbad volvese ás illas… de Álvaro Cunqueiro. Dende aquela ademais das estreas do CDG acolle diversos festivais de cine, música e teatro da cidade.
Teatro e música dende os seus balcóns para celebrar os seus cen anos
Para celebrar o seu centenario o Centro Dramático Galego (CDG) retomará a súa actividade tras o parón da Covid-19. Farao co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá, ademais de teatro, oito concertos de artistas e grupos galegos que comezarán cun cun pequeno petisco musical de cada un dende o balcón do Salón Teatro.