Esta é a historia de Miguel de Pombo e Pombo, prócer da Gran Colombia: “os tiranos perecen, os pobos son eternos”
Artigo de Marcos Castro Vilas, arquitecto
Descendente da liñaxe dos Pombo (con orixe en Dubra no lugar do Castropombo) asentados na parroquia de San Martín de Razo e señores das casas de Vilar de Cidre, en Carballo, e Gondreo, en San Pedro de Sorrizo en Arteixo, Miguel de Pombo e Pombo era neto de Don Esteban Pombo, un home que foi bautizado en San Pedro de Sorrizo no ano 1721 e que emigrou a América en compaña do seu sobriño ou primo Juan Antonio, radicándose en Popayán no Novo Reino de Granada, onde desempeñou varios cargos importantes, entre eles o de Tenente Gobernador e Xustiza maior, designado polo virrei D. Pedro Mesía de la Cerda. En Popayán, Don Esteban Pombo casou con Doña Tomasa de Ante e Valencia, matrimonio de onde nacería Doña Agustina Pombo e Ante que casaría co seu primo segundo, o devandito Juan Antonio Pombo, nado en Galicia en 1742. Deste último matrimonio naceron cinco irmáns; María Antonia, o noso Miguel de Pombo e Pombo, María Tomasa, Joaquina e Francisco Antonio Pombo. O seu irmán Francisco Antonio Pombo, nado en Popayán no ano 1787, é tamén recoñecido por ser un valoroso prócer da independencia de Colombia. Fixo a chamada campaña do sur co seu íntimo amigo e tamén paisano Antonio Nariño (oriúndo de Dubra) e foi un dos cinco oficiais que non abandonaron a Nariño tralo repregamento do exército patriota na localidade de Pasto, ante o acoso das tropas realistas.
Miguel de Pombo e Pombo, Popayán 16 de novembro de 1779, é considerado un dos próceres máis importantes da independencia de Colombia. Se Antonio Nariño é famoso por ser o primeiro tradutor ó castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán emanada da Revolución francesa de 1789 e tamén por ser recoñecido como o primeiro presidente da Gran Colombia, Miguel de Pombo e Pombo pasou a historia pola súa tradución ó castelán da Constitución dos Estados Unidos, dos artigos da Confederación e da Declaración de Independencia norteamericana, todos eles publicados en forma de libro en 1811. Neste libro insertou un “Discurso preliminar” de 120 páxinas no cal defendía o principio federativo na organización do país. O “Discurso Preliminar” é considerado un dos textos chave no desenrolo da incipiente república do virreinato da Nova Granada.
Miguel de Pombo e Pombo naceu no seo dunha familia prominente de Popayán. Estudou xurisprudencia no Colexio Rosario de Bogotá e pasou unha tempada en Europa. Foi un destacado abogado e desempeñou como tal na Real Audiencia. Aínda que non hai moitos textos de Pombo, son coñecidos algúns escritos inéditos como un discurso político no que defendía a eliminación do tributo indíxena e do estanco de tabaco e outro no que tamén se opuxo á concentración da propiedade da terra. Tamén foi representante do Colexio de Santafé e Secretario da Xunta Principal de Vacuna entre 1805 e 1808. Polo seu amor á ciencia foi nomeado investigador da Expedición Botánica na que foi discípulo de José Celestino Mutis.
Dende o primeiro momento Miguel de Pombo e Pombo abrazou o movemento pola independencia de Colombia a partir do ano 1810 cando foi membro da Xunta de Santa Fé e a acta de Independencia leva a súa firma. Neste senso, foi Tenente Gobernador de Bogotá no ano 1811, ano no que tamén desempeñou o cargo de Fiscal do Tribunal de Goberno e de Facenda e entre 1812 e 1813 foi deputado polo Congreso. Porén “logo da entrada de Pablo Morillo en Bogotá durante a Reconquista Española, El Pacificador apresouno e fusilouno o 6 de xullo de 1816″. Miguel de Pombo e Pombo tiña 36 anos.
Na relación que elaboraron as autoridades españolas acerca dos crioulos fusilados durante o proceso de independencia describiron a Pombo como “autor de moitos escritos revolucionarios que contiñan máximas heréticas e sediciosas, de Constitucións para o Estado, e un dos máis tenaces e sustentadores da Independencia e inimigo do Rei”. A este sobresaínte prócer tamén se lle atribúe a frase “os tiranos perecen, os pobos son eternos”.
BIBLIOGRAFÍA:
– POSADA CARBÓ, EDUARDO: “Miguel de Pombo, mártir de 1816”. Artigo publicado no periódico ELTIEMPO de Colombia (12/05/2016).
– “Pombo. Origen y linaje del apellido” en www.xenealoxía.org
– “Miguel de Pombo” en www.wikipedia.org/wiki/Miguel_de_Pombo