fbpx
Marco V. García Quintena, catedrático de Historia Antiga e decano da Facultade de Xeografía e Historia / USC

Marco V. García Quintela, decano de Xeografía e Historia: “Quero establecer un canon de lectura obrigatorio para poder graduarse”

Tempo de lectura: 12 min.

O profesor Marco V. García Quintela é o novo decano da Facultade de Xeografía e Historia, tras substituír hai unha semana no cargo a Francisco Durán. Este catedrático de Historia Antiga, subliñou no seu discurso de toma de posesión a súa intención de “transformar a adversidade en oportunidade e redefinir o contrato social” da Facultade a partir de tres piares básicos, “a reforma dos graos , a renovación do cadro de persoal esixida pola pirámide de idade conformada polo seu profesorado, e o fomento da investigación entendéndoa como elemento clave da súa imaxe de marca”.

Historia de Galicia falou con el sobre esta nova etapa que se abre na Facultade de Xeografía e HIstoria e tamén da investigación, das novas xeracións e os novos retos que existen neste sector.

Chegas ao Decanato da Facultade de Xeografía e Historia co obxectivo de “transformar a adversidade en oportunidade”. E como o queres facer?

Para empezar danse unhas circunstancias precisas excepcionais. Estamos todos aquí. Sabemos que ninguén se vai de estancia o estranxeiro, de tourné de congresos, de compromisos en comisións do ministerio en Madrid. Pasamos moito tempo no Teams e no Zoom, pero temos unha presencialidade máis alta do usual na Facultade. Nada nos impide pensar e planificar o futuro que queremos para as ensinanzas que se imparten na facultade, en cales outras poderían ser necesarias. Nada nos impide idear proxectos que someter a convocatorias públicas. Nada nos impide continuar a estudar e formarnos. Nada nos impide consultar a Xunta sobre o cadro de profesorado dos ensinos medios e ter unha proxección de ocupación e necesidades que sirva para orientarnos no deseño dos graos. Nada nos impide contactar cos axuntamentos, os concelleiros de cultura por exemplo, e ver si teñen graduados saídos da nosa Facultade e ver a súa integración laboral e así, tamén, constituír un corpo de información co que chegar a decisións baseadas no coñecemento. Nada nos impide consultar os programas dos graos noutras universidades e analizar os seus acertos e posibles errores, incluso tamén contando coa experiencia dos colegas que os imparten. Seguro que perdemos o contacto persoal, seguro que perdemos o saber cousas que as veces é difícil transmitir en contextos formais, pero moita da actividade necesaria nunha óptica de reforma dos plans de estudos e de reorientación o renovación das investigacións en curso pódese facer sen excesivo problema. A condición é, sen dúbida, non deixarnos vencer polo virus. Dedicarlle o tempo xusto, seguir as normas que se nos indica dende Sanidade e dende Xerencia, unha prudencia na vida cotiá baseada nun novo sentido común que entre todos intentamos acadar en nada máis. Todo o resto do tempo podemos dedicalo a construír esas oportunidades.

Durante a túa toma de posesión tamén falaches de “redefinir o contrato social da facultade”. A que te refires con isto?

Somos unha institución pública. Os nosos salarios saen dos orzamentos públicos, a meirande parte do diñeiro que conseguimos para investigación saen das arcas públicas, incluso o diñeiro que conseguimos por contratos e convenios é de procedencia pública en segunda, senon xa en primeira instancia. As veces, por inercia, dicimos, a miña cátedra, o meu despacho, a miña investigación… como dicimos que o sol “sae”… non é certo, a cátedra, o despacho a investigación son do conxunto da sociedade que nos mantén abertos e que se nos paga un salario como catedrático ou contratado predoutoral, si nos proporciona un despacho e nos asigna un diñeiro para investigar é para obter algo a cambio que é unha mellor formación para os nosos estudantes, de rebote un incremento das capacidades cognitivas e críticas dentro do conxunto da sociedade e unha mellor investigación básica aliñada no posible coas grandes correntes internacionais nos distintos temas.

Ese contrato social, tal como veño de describilo, está aí dende sempre pero, como dicía, certas inercias fan que pareza que se esqueza. A redefinición do contrato pasa por recordalo e, xa de paso, por tentar darlle un novo pulo e contido.

Pensemos, por un momento, que se pechan os estudos de Xeografía e Historia en Galicia. Poderíamos pensar que non se perde nada extraordinario. A nosa misión é facer ver que non é certo, que se pode perder algo que sexa relevante. Temos que ser quen de construír unha realidade de traballo e un discurso que a explique que mostre a nosa pertinencia social.

Póñoche un exemplo sinxelo. Somos uns 100 profesores na facultade e lideramos 31 proxectos de investigación de convocatoria pública. Ademais, certo número deses profesores non poden, por circunstancias contractuais, liderar eses proxectos. Os proxectos son moi competitivos, pasan por comisións de avaliación duras, os estatais, que son 15 deses 31, teñen tres avaliadores e dúas comisións. Si non pasan todos eses filtros os proxectos non se conseguen. Isto indica que somos razoablemente eficientes pero as veces non sabemos polo en valor en forma de un triunfo colectivo como Facultade de Xeografía e Historia interesante para a sociedade en termos de produción de ideas e coñecemento.

Falas de reformar os graos impartidos nela. Cres que os actuais non son adecuados?. Como será esta reforma?

Aquí ai dúas cousas. Os graos de Historia, Historia da Arte e Xeografía, como graos básicos, existen e deben seguir vixentes. Será necesario retocar cousas relativamente menores vistas dende a distancia, pero importantes no día a día académico, como a carga de optatividade, como combinar mellor a necesaria especialización coa apertura a interdisciplinariedade. Un tema moi particular meu, que non sei como se poderá encaixar nas reformas, é o establecemento dun canon de lecturas. Isto é que os nosos graduados non poderán selo sen acreditar a lectura, digamos, de trinta libros entre os que figuren os clásicos de cada disciplina e unha escolla entre as propostas actuais. A idea enténdese sen problemas, pero a súa aplicación a estrutura administrativa dun grao non é evidente a primeira vista.

Outras dúas cousas terán que introducirse nos novos plano: a dixitalización e o cambio climático. Ambas cousas están marcados a ferro na axenda da Unión Europea, son retos de país para Galicia e afectarán o conxunto da sociedade, incluíndonos a nós, por suposto.

A pandemia, o confinamento, manifestou unha capacidade de adaptación no novo entorno docente dixital moi importante pero tamén as nosas carencias. Os retos dixitais viron para quedarse, a implantación da tecnoloxía 5G terá efectos moi pronto. Isto reflectirase nas prácticas docentes, e deben estar contemplados no deseño dos graos prevendo, sobre todo, unha capacidade de adaptación continua a novas situacións sen ter que esperar a facer unha pesada reforma do grao para introducir novidades. Tamén ten xa, e aínda terá mais na investigación. Finalmente, as competencias dixitais serán parte do que os empregadores demandarán os nosos graduados.

Marco V. García Quintela, decano da Facultade de Xeografía e Historia, á dereita / remitida

En canto o cambio climático, dáse o paradoxo que si ai algo que é histórico e xeográfico é o cambio ambiental. Estes cambios modelan os territorios nos que viven as comunidades humanas nunha interacción natureza-acción humana que comezou no neolítico e que o absoluto triunfo da humanidade sobre a natureza pode rematar coa revolta dunha natureza que xa non soporta a presión a que a somete a humanidade. Doutra banda coñecemos ben algúns cambios climáticos na historia, as glaciacións, a chamada pequena Idade do Xeo durante a Edade Moderna. Todo isto está aí, sábese, o que non está é nos graos tal como están deseñados na actualidade.

Doutra banda, en Historia e Historia da Arte duplicamos cursos, isto é, temos dous cursos de primeiro e segundo para impartir estes graos. Dubido que teñamos necesidade en Galicia de tanta xente que estudia o mesmo. Coas mesmas capacidades docentes, isto é sen incrementar persoal, que é sempre o medo dos reitores, temos capacidade de persoal e intelectual para diversificar nosa oferta. No papel non debería haber problema para encaixar outros dous graos en vez de ter duplicar aulas para impartir o mesmo.

Quero abrir ese análise e transformalo en oportunidade, como dicía o principio. Que como será, non o sei, como o decida a comisión correspondente de resultas dun proceso de estudo. Aquí enlazo coa primeira pregunta. Non se trata de propor graos como resultado de xogos de poder académico, como tantas veces se fixo, trátase de estudar a necesidades sociais e as nosas capacidades e, do estudio, terán que saír unhas conclusións que nos guíen.

Non quero ser inxenuo, ou non excesivamente, sei que podemos ter atrancos administrativos nas distintas instancias que deben aprobar os resultados dos nosos traballos para transformalos en realidade. Eu, o meu equipo, a Facultade, todos queremos logralo.

Dito isto, o proceso ten un valor. O estudo, as comisións encargadas de reunir información, procesala, presentala, discutila…, ver argumentos a favor e en contra de distintas propostas xerais ou de detalle. Promover a participación activa de toda a Facultade, pero sobre todo dos mais novos, que tamén son os mais viaxados en comparación cos vellos as súas idades, debe crear solidariedades e afinidades entre eles para construír o futuro da Facultade, e iso é o camiño que se fai o andar. Se chegamos, mellor, pero o camiño ten sentido propio.

Tamén apostas por unha renovación do cadro de persoal. Con todo, non cres que a actual situación financeira da USC fai complicada esta renovación?

Pódese facer por varios camiños, ningún doado.

En primeiro lugar indo todo o lonxe que poidamos na participación en convocatorias europeas. En Galicia o programa Oportunius, promovido pola Axencia Galega de Innovación, comprométese a xerar unha praza fixa no sistema universitario galego a calquera que queira vir con un programa de investigación europeo gañado. A decisión é moi boa, conseguir un deses programas é moito máis difícil que calquera oposición de entrada ou promoción tradicionais. Os mais novos teñen que competir aí para conseguir a súa consolidación forzando a man do sistema, por así dicilo.

En segundo lugar mediante os programas estatais, Juan de la Cierva, Ramón y Cajal, Beatriz Galindo. Cada un ten diferentes características e proxeccións pero todos eles recrutan candidatos de calidade con criterios exixentes, teñen financiación estatal e, polo tanto, non cargan os orzamentos da USC de forma inmediata.

Unha situación complexa é a que, de momento, afecta o grupo de “novos” mais numeroso. Os contratos posdoutorais da Xunta. Tampouco se cargan nos orzamentos da USC porque os paga directamente a Xunta, pero non teñen ningún compromiso de continuidade. Este ano a mesma Xunta sacou para eles o programa de “investigadores distinguidos” moi mal xestionado dende a USC, iso non pode pasar de novo. Aínda non ten resolución definitiva e o programa tampouco era moi ambicioso. Dito o anterior, preparando a miña candidatura, souben de ata tres ou catro contratados posdoutorais da Xunta vencellados no pasado a Facultade que obtiveron prazas noutras universidades de España. Iso tamén está moi ben.

Finalmente está o xogo das xubilacións. Nos próximos 10 anos xubilámonos aproximadamente o 30% do cadro de persoal actual. Trátase de xerar unha situación na que sexa imposible pensar na amortización desas prazas, como sen dúbida algún xa está matinando. Para iso, tamén, necesitamos renovar o contrato social da Facultade, para que esas ideas difusas non poidan triunfar porque se basean en simples prexuízos.

Facultade de Xeografía e Historia da USC / santiagoturismo.com

Que cres que poden aportar as novas xeracións á facultade?

Un futuro para os nosos estudios que os que somos mais vellos xa non podemos ofrecer. Sei que isto pode ser polémico. Somos moitos “vellos” plenamente activos, aportando o mellor de nos mesmos. Está moi ben, que sigan así! Pero esa plenitude e madurez non dá ningún dereito sobre as vidas e decisións dos novos. Pensa que os “novos” consolídanse na Universidade as idades que os “vellos” xa eran catedráticos, algún a piques de ser reitor. O envellecemento do cadro de persoal está a provocar tal cúmulo de distorsións persoais e profesionais no conxunto dos profesores que fai pasar por normais situacións que deberían ser totalmente excepcionais.

Así que, en definitiva, os novos teñen que aportar a súa idade, a xestión do futuro dos nosos estudos para que sexan útiles para a sociedade galega. O que xa non podemos facer os vellos.

E non temes que esta renovación poida causar problemas nalgúns departamentos que poidan ver esta situación como unha intervención no seu campo de acción? Comentoche isto porque dise que Xeografía e Historia, como outras facultades, son de “gardar moito as leiriñas”…

Para empezar, eu, como Decano, non teño ningunha capacidade de contratar – iso solo pasa nas universidades anglosaxoas – algún reitor podería reflexionar sobre o tema de quen é mellor que contrate. En fin…

Doutra banda, non me cabe na cabeza facer nada en contra dos Departamentos, a Facultade e a suma dos departamentos de Historia, Historia da Arte e Xeografía. Non existe outra Facultade. O que é certo é que as veces vense os novos programas de recrutamento, como os sinalados, como un… non sei a verba precisa, engano, atentado a non sei ben que esencias, alteración da orde universitaria. Penso que non ocorre tanto a nivel de departamentos como de visións individuais de unha parte do profesorado.

Nesta situación, entendo que a miña tarefa pode e debe ser desfacer malentendidos nestes temas, explicar a necesidade da renovación e a conciencia da realidade do que existe en canto as posibilidades de recrutamento. A nostalxia pola mocidade perdida non crea prazas.

En canto o das “leiriñas”, o que contas é certo, é unha reacción defensiva. É o tradicional “que ai do meu”. Non me interesa a título persoal, e como Decano a cuestión debe ser explicar como o meu é de interese para todos. Si non son quen de facelo, e que o “meu” non debe ser moi interesante e mellor que me pechen.

Podo engadir que a Universidade española, en xeral, construíuse con esa idea. Esa é a idea que sae retratada cando saen os rankings de universidades de Shangai.

Recollida de mostras para unha investigación con carbono14 / uniovi.es

No teu discurso apuntaches que a facultade move case 5 millóns en proxectos de investigación. Entendo que a investigación ten moito que ver na preparación destas novas xeracións. Como está a investigación actualmente nesta facultade?

Tamén dixen no discurso, porque é así, que o Decano non ten competencias en investigación. O meu obxectivo non pode ser intervir no que non teño competencias. O que quero intentar é subliñar o “I” de Persoal Docente e Investigador, “PDI”, como se nos coñece. O que quero e que esa “I” que é unha realidade da Facultade, e os cartos obtidos en convocatorias públicas póñeno de relevo, convértase en imaxe de marca da Facultade. O que quero é que nos, na Facultade, e o conxunto da sociedade nos identifique como eficientes en investigación como unha parte importante do contrato social renovado do que falaba. Ata o de agora non se pode dicir que a comunicación dos nosos resultados de produción científica sexa un éxito. Temos que cambialo para construír unha imaxe renovada. O feito importante é que as bases as temos.

É evidente, ademais, que todos os novos teñen perfís de investigación moi desenrolados. Se non é así non chegan, así de simple. Trátase de dar visibilidade a ese pulo que os novos traen de fábrica, por así dicilo.

A investigación está ben. Os números cantan, os 5 millóns de euros. Dous proxectos JIN (Jóvenes Investigadores) do Ministerio, son moi competitivos e difíciles, pensa que cada JIN equivale en cartos a 7/8 proxectos ordinarios de humanidades, é dicir, deixáronse de dar ao redor de 15 proxectos do plan estatal para que dúas investigadoras novas tiveran os seus proxectos e as dúas os presentaron pensando en integrarse na Facultade. Temos tamén outros 29 proxectos de convocatoria pública, mais ordinarios se queres. Fáltanos saber transformar iso en imaxe de marca como Facultade, fáltanos entender que iso é un éxito colectivo moi importante e transmitilo así.

Propóñoche un reto. ¿Por que non fas cada certo tempo un reportaxe para a web “Historia de Galicia” sobre eses proxectos ?. Pois terémolo en conta.

Perfecto. Seguindo co que che dicía…Sempre se poden abrir novas vías. É unha cuestión de imaxinación científica, pero a imaxinación non cae das árbores, millóns de persoas viron caer unha mazá dun árbore pero foi Newton quen soubo ver a fórmula da gravidade porque tiña unha formación previa. Doutro xeito o mesmo, dicía Picasso que a inspiración estaba moi ben, pero que o pillara traballando. As novas vías constrúense no traballo cotiá, temos que ser quen de saber identificalas e potencialas.

Con todo, tamén é certo, que a vosa profesión ten dificultades na procura de saídas laborais…

Coma outras…, ultimamente sei de bastantes graduados nosos que entran en institutos, algúns moi cercanos, entre eles tres doutores do noso grupo de investigación. O certo é que non temos datos obxectivos cos que traballar. Temos que conseguir eses datos. Despois está o tema da precariedade. É un desastre o que coma sociedade estamos a propor aos mais novos.

Por circunstancias varias teño a xente nova moi achegada en Barcelona e en Dinamarca. En Barcelona, a persoa da que falo, para empatar un mes con outro leva cinco traballos, non pode renunciar a ningún. Nunha universidade pública chega a ter contratos como autónomo para dar horas de clase. E non é historiadora. En Dinamarca, non a persoa achegada, pero os novos da súa idade poden mercar un piso porque todo o mundo sabe que terán traballo e poderán pagalo, ves moreas de xente nova pola rúa con nenos pequenos. Non teñen medo o futuro. Nos si. Estamos construíndo un país con medo o futuro.

Hai un tema que aos que non somos do voso gremio (aínda que algúns como é o meu caso estudamos os nosos anos a vosa carreira) nos chama a atención e é a dificultade que teñen algúns en aceptar  o traballo de divulgadores e investigadores non profesionais. A que cres que se debe isto e non cres que debería de haber máis colaboración?

Penso que por definición e sempre debe haber máis colaboración en todas direccións. Unha das causas da non visibilidade da importante investigación que facemos na Facultade é non comprender o traballo de difusión nas distintas facetas.

Algunhas cousas as podemos facer nós, pero para outras necesitamos a achega de profesionais. Se por min fora tería un equipo de comunicación no corazón da Facultade, xerando novas, construíndo materiais audiovisuais para uso docente e para difusión xeral na sociedade, para manter unha canle You Tube – algunha universidade privada faino con gran éxito e calidade e nós que temos o que dicir, non sabemos facelo.

Enlazo co dito antes con respecto as novidades científicas, é traballando conxuntamente como atoparemos os xeitos de traballar conxuntamente. Non pode ser empezar por querer ditar unha listaxe de mandamentos antes de empezar a facer nada. O contrario, debemos propoñernos traballar xuntos e atopar compromisos na dinámica de traballo.

Neste sentido, tamén algunhas críticas á chamada arqueoloxía social. Como cres que habería que abordarse esta situación?

Non son arqueólogo e é un tema moi particular dese gremio. Dende o punto de vista que teño agora como Decano é unha manifestación particular do tratado na pregunta anterior, coa evidencia engadida que a arqueoloxía é unha disciplina moi de estar no terreo e ter moi traballado o tema do seu impacto social como disciplina. Penso que outras ramas de coñecemento poderían aplicarse o conto.

Respondo tamén coma antes, as solucións non se atoparán nun laboratorio con condicións ideais, as solucións atoparanse no barro pelexando cos problemas.

Contigo no equipo decanal estarán Antonio Míguez, María José Piñeira e Carme López. Que esperas do seu traballo?

A Facultade é un organismo administrativo e coma tal ten que andar. Cada un terá as súas tarefas ordinarias. A razón pola que os escollín é que representan tres formas distintas de chegar os mais novos, ou non tanto, a integrarse na Universidade. Lévome case trinta anos coa mais nova. Quero que aporten a forza da idade, a experiencia de chegar despois de transitar un camiño radicalmente diferente o dos mais vellos. Quero tamén, e sobre todo, que constrúan entre eles e con outros compañeiros do seu perfil solidariedades, afinidades, complicidades que lles dean forzas mutuamente para entre todos construír a Facultade que deben proxectar cara a metade do século XXI. Teñen curro, non o dubides.

E algún desexo para estes catro anos que che esperan?

Saúde e sorte… como o que desexo para todos. O traballo ven de fábrica.

Pode que che interese...