fbpx
Intervención no castro de Suvidá / foto Illa de Tambo

Poderían correr a mesma sorte que Toiriz e Subidá outros 13 castros da provincia de Pontevedra?

Tempo de lectura: 3 min.

A polémica está na rúa e nas redes sociais. Pois nos pasados días asociacións e expertos en patrimonio chamaban a  atención sobre un posible atentado contra o patrimonio arqueolóxico en dous castros da provincia de Pontevedra, Toiriz en Silleda e Subidá en Marín, intervidos por iniciativa de Fomento.

O proxecto plantexaba a intervención nos dous xacementos e nun máis en Vilagarcía co obxectivo de adaptalos para a visita e musealizalos. O proxecto, que conta cun orzamento de 520.000 euros e un prazo de execución de catro meses, foi froito dun acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento.

Mais o proxecto non convenceu nin a asociacións nin a expertos chegando mesmo a organizarse unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org. E é que no caso de Silleda chamaba poderosamente a atención as prospeccións de ata 60 cm de profundidade que se estiveron a facer no xacemento para inserir as bases do mobiliario. No de Marín destácase a modificación dos perfís e da paisaxe do castro.

Proxecto para o castro de Toiriz / foto www.mitma.gob.es

Trece castros máis no proxecto

A incógnita atópase agora sobre o traballo que se está a desenvolver no de Alobre, en Vilagarcía. Este é o terceiro xacemento que será musealizado polo proxecto denominado Trazas de Pontevedra e que está a desenvolverse a través da empresa Patrimonio Intelixente.

Mais non é tampouco a única incógnita. Pois segundo se relata no proxecto estes tres serían tan só os primeiros xacementos en ser intervidos dunha nómina moito máis extensa. Pois neste proceso de musealización de castros galaicos que Deputación e Fomento están a desenvolver, recollíase como unha oportunidade única para a mellora destes xacementos da Idade do Ferro da provincia.

Segundo as institucións existirían outros trece proxectos de outros tantos castros nos que se interviría nunha segunda fase de musealización. Sete deles estarían pendentes dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para entrar en fase de licitación. Os seis restantes estrían en fase de redacción do proxecto.

Imaxe da petición de Change.org

Trátase dos do Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), Penalba (Campo Lameiro), A Lanzada (Sanxenxo), Adro Vello (O Grove) e Alto dos Cubos (Tui), no primeiro caso. Na fase de redacción inclúense os de Castrolandín (Cuntis), O Facho (Cangas), Troña (Ponteareas), Cabeciña (Oia), Taboadexa (As Neves) e Trega (A Guarda).

Tal e como recollíamos no mes de maio, para a presidenta da Deputación, Carmela Silva foi “unha gran noticia para a posta en valor do noso patrimonio e o desenvolvemento dun modelo turístico, centrado nun destino cultural”. Mais é de agardar que tras a polémica suscitada polas intervencións de Suvidá e Toiriz o Ministerio de Fomento acabe modificando o proxecto.

Proxecto para o castro de Alobre / foto www.mitma.gob.es

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...