Danan os castros restaurados de Trazas de Pontevedra, o proxecto que vai camiño de converterse nun fiasco
As obras de restauración do proxecto TRAZAS DE PONTEVEDRA FASE I, con intervencións executadas nos castros de Toiriz (Silleda) Alobre (Vilagarcia) e Subidá (Marin) comezan a resultar un fiasco. Logo da polémica suscitada pola súa restauración destes bens, encargada a unha empresa madrileña, os problemas con esta actuación continúan tras detectarse nas últimas semanas actos de vandalismo nos castros restaurados.
Ademais, ás criticas dos informes de ICOMOS e do Consello da Cultura Galega emitidos tamen a instancia da asociación UMIA VIVO, asociación IRMANDADE ILLA DE TAMBO, colectivo pola defensa do atrimonio A FORNEIRÑA e o colectivo pola defensa do territorio A NOVA TERRA, únese agora a Academia Galega de Belas Artes que considera que as intervencións son “didacticamente pouco eficaces e, por excesivas, innecesarias, sendo os proxectos inadecuados para os sitios arqueolóxicos”.
Esta entidade considera que, dada a escasa información arqueolóxica previa que ata agora proporcionaron os xacementos, necesitaban de máis intervención arqueolóxicas antes da súa posta en valor. Nun comunicado, indica que, desde o punto de vista científico, o tratamento dado aos espazos arqueoloxicos, non propician o obxectivo básico inicial da “comprensión de la articulación territorial de la provincia y de Galicia en la antigüedad”.

Danos causados na sinalética dos castros restaurados dentro do proxecto Trazas de Pontevedra / Remitida
Gastar os cartos noutras cousas prioritarias
“Considérase esta actuación en xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra como intervencionismo de carácter urbano, descontextualizando a significación arqueolóxica dos sitios, ocasionando gastos públicos considerados innecesarios”, indica. Así, suliña que “o urxente e necesario”, sería seguir paulatinamente en programas de expropiación de terreos afectados polo interese arqueolóxico, a limpeza e incluso deforestación de arborado que poda danar estruturas soterradas e estratos, así como executar a reposición de vellos camiños, limpeza de rodeiras e de singulares valados.
“Había que establecer ademais programas de vixilancia permanente e a conservación de estruturas xa escavadas, ao estilo dos programas ingleses aplicados aos “hillforts”, indica, especialmente, tras os últimos danos causados aos monumentos. Por iso, pide que se “replantexen os proxectos previstas para os 15 xacementos restantes de TRAZAS DE PONTEVEDRA” e insiste na necesidade dun plan de emerxencia e xestión do patrimonio arqueolóxico que garantice a identificación, sinalización e desbroce para evitar danos polos incendios, traballos forestales e implantación de proxectos.