fbpx
Cabeza de Sobardes debuxo de Ana Lombao, Colectivo A Rula

O misterio da Cabeza de Sabardes, atopada por A Rula na fachada dunha vivenda de Outes

Tempo de lectura: 4 min.

Unha singular cabeza de icónico rostro e aparente antigüidade aínda que de cronoloxía descoñecida, atopada nun lugar aínda por determinar e situada por un veciño sobre un banco na vía pública na fachada da súa propia vivenda. Este é o descubrimento que o Colectivo a Rula fixo nas pasados meses en Sabardes, Outes, e que se deu a coñecer a comezos deste mes de decembro.

A cabeza podería ser mesmo unha peza procedente dun castro ou ter algunha relación co Mosteiro de Sabardes, fundado a comezos do século XII por Dona Anusco, cedido en 1182 á Orde de Santiago, pertencente no século XIII a San Paio de Antealtares e hoxe desaparecido. Mais nada sabe da súa orixe.

Cabeza de Sabardes recreación virtual, colectivo a Rula

Trataríase dunha interesante cabeza de pedra granítica, moi tosca, case un busto, cunhas faccións moi marcadas e un sorriso invertido. Ten un bo estado de conservación mais cunha fenda recuberta con cemento que rodea todo o pescozo. “Semella que a cabeza estaba fracturada en dúas partes e, en data descoñecida, foron unidas” afirman afirma Luis Leclere do Colectivo a Rula, colaborador de Historia de Galicia.

O misterio da procedencia

“A súa localización é o primeiro dos moitos enigmas que agocha. Non sabemos os anos que leva unida con cemento a un banco na fachada dunha casa no lugar de Piñeiro, en fronte da igrexa parroquial de San Xoán de Sabardes, onde permanece oculta á vista de todos”.”Mesmo pode verse facilmente a través da aplicación Google Street View” afirman dende o Colectivo.

Cabeza de Sabardes foto Colectivo A Rula

“Pese a estar a vista de todos, a cabeza, ata o momento, ten pasado desapercibida para os especialistas. Unha vez a analizamos e nos decatamos do seu indubidábel interese puxémonos como obriga facer todo o posible por chamar a atención dos expertos e, como non, das administracións con competencias na conservación do patrimonio común”.

Segundo se apunta un dos grandes problemas é a súa descontextualización. Finado o seu descubridor, os seus fillos afirmarían que ou ben fora atopado en traballos agrarios ou ben tería aparecido nun antigo serradoiro. O certo é que ó non saberse con certeza o lugar no que foi atopada non é posible estudar o terreo.

Cabeza de Sabardes recreación virtual, colectivo a Rula

Varios investigadores na busca da súa orixe

Antes de tratar de datala ou de darlle unha orixe dende o Colectivo optouse por dar parte á Dirección Xeral de Patrimonio, ó Concello de Outes e a diversos expertos. “Controlamos o noso atrevemento inicial de facer un estudo formal comparativo da peza. Os nosos limitados coñecementos na materia levounos a actuar con cautela e recompilar a opinión de investigadores especializados”.

“Informamos e consultamos a Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén ao Concello de Outes, nas persoas do seu técnico de Cultura Santi e do seu alcalde Manuel González López, así como ao investigador local Xoán Xosé Mariño, presidente da Asociación Cultural Terra de Outes”. Tamén “a un gran coñecedor da zona”, o tamén colaborador de Historia de Galicia Elixio Vieites, “agradecemos a amabilidade coa que nos atenderon”, afirman.

Dende o Colectivo fixéronse moitas consultas. “Preguntamos, directa ou indirectamente, a diversos estudosos e a especialistas como Puri Soto, Manuel Santos Estévez, Xulio Carballo Arceo ou Francisco Calo Lourido que amosaron interese e aportaron interesantes observacións así como tamén certas reservas” á hora de datala.

Cabeza de Sobardes debuxo de Ana Lombao, Colectivo A Rula

Unha proposta para desvelar o misterio

Segundo o Colectivo “estes diálogos, propostas e consultas deron os seus froitos. Así, soubemos que, a instancias do concello, o arqueólogo Manuel Lestón contactara cos propietarios e está a investigar a procedencia da cabeza”. Este, co obxecto de contextualizala o mellor posible, propuxo ó concello a realización dun estudo petrolóxico para coñecer a súa composición e aproximar unha orixe.

Tamén se falou da posibilidade de levalo para ser custodiado nun museo. O ideal sería convencer ós donos para que a depositen nun museo e se poida estudar”, aínda que non está clara aínda a posición da familia. Porén dende A Rula afirman “que non pode quedar en mellores mans esta cabeza da que esperamos saber algún día a súa orixe e desexamos que se conserve no lugar e condicións máis idóneas”.

Pode que che interese...