Esta é a paisaxe de 30 vilas galegas que deberían conservarse
Na provincia da Coruña Mugardos, Betanzos, Corcubión, Fisterra, Muros, Noia, Padrón e Pontedeume; En Lugo Mondoñedo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Monterroso, Portomarín, Castro de Rei e Viveiro; En Ourense Allariz, O Barco de Valdeorras, Castro de Valdeorras, Castro Caldelas, Celanova, Manzaneda, Verín, Ribadavia e Vilanova dos Infantes; E en Pontevedra Baiona, Cambados, Combarro, Tui e Vilanova de Arousa.
Estas son as trinta vilas históricas de Galicia con diferentes orixes e diferentes estados de conservación pero cun denominador común a súa “riqueza paisaxística”. Son as protagonistas do libro A paisaxe do tempo, unha publicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na que se recolle a singularidade “de trinta núcleos menores de Galicia”.
Trátase de localidades “que ostentan o privilexio de contar cun núcleo histórico menor e que presentan valores peculiares e diferenciados”. Trátase de “ámbitos que no seu día foron pezas moi importantes na rede urbana de Galicia, pero que non acadaron o mesmo nivel de desenvolvemento que as cidades ou vilas maiores”.
Trátase de 30 vilas con diferentes tipoloxías de núcleos históricos. Por exemplo as vilas itinerarias, aquelas que resultan da agregación lineal das edificacións, vinculadas a un itinerario de paso ou a un camiño previamente existente, ou os núcleos mariñeiros, entre os que se diferencian as vilas-ponte de fondo de ría e os portos fondeadoiro.
Mais son só algúns dos exemplos recollidos no libro. Pois trátase dun traballo de estudo e divulgación sobre a evolución urbanística e tamén territorial, paisaxista e da vivenda. Un traballo “de análise dende a perspectiva da ordenación urbanística, que ten en conta a paisaxe, a problemática dos tecidos residencias e o valor cultural destes núcleos históricos”, tal e como afirmaba a conselleira Ángeles Vázquez na presentación o pasado martes 19.
O libro conta tamén cun corpus normativo e un marco de intervención que recolle Lei do Solo, as Directrices de Ordenación do Territorio e da Paisaxe, ou Plan de Ordenación do Litoral, entre outras. Tamén a pregunta de se a sociedade galega está máis sensibilizada coa conservación e o uso sostible do territorio e da protección das paisaxes.