fbpx
Petróglifos do Parque da Tomba / foto Concello de Pontevedra

Así se están a recuperar os petróglifos do parque forestal do Monte da Tomba de Pontevedra

Tempo de lectura: 3 min.

Un gran parque forestal a tan só catro quilómetros do centro histórico de Pontevedra e con dous atractivos excepcionais: as súas vistas sobre a cidade e a ría de Pontevedra e a singular estación de petróglifos da Tomba. Este é o proxecto que inauguraron o pasado día 18 de marzo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros de Montes e de Patrimonio Histórico, Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, e o presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez.

O parque de 82 hectáreas de monte conta con dous miradoiros, paneis que identifican os principias puntos de interese que se ven desde cada localización, así como árbores e natureza, e un renovado patrimonio forestal no que se plantaron 20.000 novas árbores autóctonas. O parque foi posible grazas á cesión dos terreos por parte da Comunidade de Montes de Campañó para uso e goce de toda a cidade.

Petróglifos do Parque da Tomba / foto Concello de Pontevedra

Círculos concéntricos, cazoletas e zoomorfos

Todo un “valor engadido” para estas 82 hectáreas de parque forestal e o seu excepcional conxunto de petróglifos, tal e como afirmou Lores. Trátase da estación do ‘Monte da Tomba 3’, catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio no ano 2018. Nela poden apreciarse círculos concéntricos, cazoletas e tamén varias imaxes con forma de animal, segundo apuntaron ata o de agora os estudos.

Os petróglifos do Monte da Tomba están localizados dentro deste parque forestal pero no límite do linde co Concello de Poio. Os petróglifos atópanse neste momento en fase de estudo por parte do departamento de arqueoloxía do Concello e de varias empresas. Dentro deste estudo, encamiñado a coñecer con exactitude a estación, estase a desenvolver un levantamento en 3D, empregando a última tecnoloxía en documentación de arte rupestre.

Parque da Tomba antes da súa intervención / foto Concello de Pontevedra

Para isto estase a combinar a Fotogrametría Dixital de Obxecto Cercano xeorreferenciada e o escaneado 3D mediante Escáner Láser Terrestre. Con isto prevé conseguirse ortoimaxes e un modelo 3D, que no seu postprocesado a través de técnicas de visualización avanzada permiten unha mellor identificación dos gravados na rocha e un coñecemento profundo dos petróglifos.

Porén, ademais deste estudo, durante as obras de desenvolvemento do parque feitas pola empresa Elsamex, estanse a desenvolver traballos para a protección, delimitación e divulgación das gravaduras. Neles tratouse de definir o contorno das rochas gravadas, sinalizar e instalar un panel explicativo, e instalar un peche perimetral de madeira.

Un novo espazo verde e miradoiro na cidade

Durante a visita o alcalde aproveitou para agradecer a disposición das Comunidades de Montes que nos últimos anos están a colaborar co Concello. Fernández Lores lembrou que este proxecto entra na filosofía de “poñer en valor os montes periurbanos e permitir que os cidadáns de Pontevedra poidan usalo, coñecelo e gozalo durante todo o ano e iso só é posible porque a Comunidade de Montes fixo esta cesión”.

Detalle dos Petróglifos do Parque da Tomba / foto Concello de Pontevedra

Os traballos para a creación deste parque forestal urbano consistiron na eliminación, sen utilizar medios químicos, de especies invasoras como o eucalipto e as acacias. Tamén a plantación de preto de 20.000 novos exemplares de especies autóctonas, entre elas 9.000 castiñeiros, 5.000 carballos e 4.500 oliveiras. Ademais, estas plantacións, que aínda están agromando, están identificadas con paneis informativos sobre elas, que inclúen accesibilidade Braille.

Ademais prevese para o lugar un mantemento continuo que inclúa labores de limpeza e contención de invasoras. Haberá tamén dous miradoiros, un deles con acceso rodado e outro só con acceso peonil, e o parque unirase ós outros dous parques forestais con amplas vistas, xa inaugurados polo Concello, como son o da Fracha e o Pontillón do Castro. Agárdase que nun período de 2 a 4 anos, co crecemento das árbores plantadas, pódase ver o cambio neste monte.

Traballos no parque da Tomba previos á plantación de árbores autóctonas / foto Concello de Pontevedra

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: