fbpx
Muralla de Lugo / foto Íñigo Mouzo Riobó

Lugo peonizará o histórico barrio de Recatelo, un dos máis maltratados da cidade

Tempo de lectura: < 1 min.

“Recatelo pode ser unha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, e ao mesmo tempo podemos mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza”. Así o cre Rubén Arroxo Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas da cidade de Lugo, quen informou a pasada semana dos avances que se están a desenvolver na mellora do barrio e na súa progresiva peonización.

E é que a Xunta de Goberno ven de aprobar o inicio do procedemento de contratación da peonalización das rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. Esta actuación saíu a licitación cun orzamento máximo de 260.425,15€, e un prazo de execución de 6 meses.

Responsables do Concello no barrio / foto Concello de Lugo

“Con estes traballos daremos un paso adiante na humanización do barrio de Recatelo, engadíndoas aos traballos xa realizados no verán pasado na rúa Vila de Sarria” explicaba Arroxo. “Estamos a traballar na mellora da imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía”, destacou.

“Dende o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin “como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar”.

Pode que che interese...