Un novo lintel para as portas do castro do Trega? Así quere botar a andar o proxecto “Trega 2020+5” | Historia de Galicia
Esquema de de reposición do lintel da porta do Trega / foto Concello da Guarda

Un novo lintel para as portas do castro do Trega? Así quere botar a andar o proxecto “Trega 2020+5”

Tempo de lectura: 2 min.

Recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e investigar e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro,  así como  crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio. Estes son os obxectivos do proxecto “Trega 2020+5” que o Concello da Guarda presentou o pasado mes de decembro.

Detalle do Cartaz do proxecto / foto Concello da Guarda

Trátase dun proxecto para desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro  do Trega a través dunha actuación integral no enorme xacemento. O proxecto conta coa colaboración e financiamento do Padroado do Monte  Trega e a colaboración das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos. Non conta, porén, con resposta  por parte da Xunta de Galicia á invitación de colaboración no mesmo do equipo do Trega.

Agora o proxecto bota a andar coas primeiras intervencións. A primeira, unha modificación do orzamento do Padroado para que sexa posible acometer a restitución do lintel da porta norte do xacemento castrexo. Xunto con esta actuación procederase tamén, entre outras, a dotar consignación para a redacción do proxecto de reforma dos aseos no cume no monte Trega.

No tocante á a restitución do lintel da porta norte do xacemento castrexo. Trátase de recuperar este elemento perdido co fin de aportar unha maior comprensión do recinto. Esta será a primeira das moitas intervencións directas no recinto. Esta actuación permitirá seguir poñendo en valor o xacemento castrexo cun elemento que permita entender mellor cal era a morfoloxía dunha das cidades galaicas de maior tamaño de todo o noroeste peninsular.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: