fbpx
Detalle do proxecto / foto Concello da Guarda

Reescavar zonas antigas e crear unha escola permanente de arqueoloxía, así será Trega 2020+5

Tempo de lectura: 3 min.

Recuperar e consolidar as partes das escavacións antigas para facelas visibles, manter de forma sostida no tempo o conxunto de estruturas escavadas e afondar no coñecemento arqueolóxico do castro creando unha escola permanente de arqueoloxía. Estes  son os obxectivos do Proxecto Trega 2020+5 que desenvolverá o Concello da Guarda.

Trátase dun plan integral de recuperación do castro de 5 anualidades no que se pretende desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro de Sta. Trega. O proxecto está promovido polo Concello baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC.

Trega 2020+5 proxéctase como unha actuación integral, de carácter conxunto e coordinado, cun apartado de investigación para obter novas informacións sobre o castro. Nela participarán os diferentes axentes sociais e entidades administrativas implicadas na conservación e promoción do monte.

Detalle do Cartaz do proxecto / foto Concello da Guarda

Recuperar os sectores escavados do castro

Un do tres eixos fundamentais do proxecto será recuperar e consolidar os sectores do castro xa escavados. Entre eles as campañas entre 1910 e 1930 e que hoxe se atopan en abandono. Para isto proponse a reescavación de varios destes sectores cunha metodoloxía arqueolóxica permitirá recuperar boa parte da información dos traballos antigos.

Tamén afondar no coñecemento destes sectores por medio da aplicación das tecnoloxías actuais e de novas investigacións sostidas no tempo. Pois os traballos de recuperación das escavacións antigas poderán permitir o acceso a novos datos que aporten un coñecemento máis fondo do asentamento.

E é que o castro de Sta. Trega conta cunha longa historia de actividade arqueolóxica. Unha longa actividade por máis dun século, escrita cos nomes da Sociedad Pro Monte, como Ignacio Calvo ou Cayetano de Mergelina, entre outros.

Manter o castro no seu conxunto e afondar na súa investigación

Os outros dous eixos fundamentais do proxecto serán manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro, así como as expostas ó público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do xacemento, creando contidos destinados á divulgación e ó desenvolvemento patrimonial.

Detalle do proxecto / foto Concello da Guarda

Para isto o Proxecto Trega 2020+5 tratará de consolidar ó castro como un referente na aprendizaxe dos arqueólogos do futuro. Será por medio dunha escola permanente de arqueoloxía na que cada verán 5 alumnos do mestrado en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC terán oportunidade de formarse como profesionais, levando a cabo prácticas de escavación, rexistro, topografía, flotación ou mostraxe.

Baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC, e nun proxecto de 5 anualidades, o Proxecto Trega 2020+5 conta co Concello da Guarda como promotor, así como tamén coa colaboración do Padroado do Monte Santa Trega e as Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos.

Castro do Trega / foto Concello da Guarda.

Pode que che interese...