fbpx
José Fernández-Vega durante a República / foto Dominio Público, Juan Antonio Ramos

José Fernández-Vega, o médico de Ponteareas que atendía doenzas de balde e que foi asasinado polo Franquismo

Tempo de lectura: 3 min.

O 18 de xullo de 1936, día no que estala en España a Guerra Civil, é gobernador civil da cidade de Málaga, un dos grandes frontes da guerra, un médico: José Luis Fernández-Vega. Un ano despois o exército franquista daría lugar a unha das maiores masacres da Guerra contra poboación civil

Nado na localidade asturiana de Llanes, comezou a súa carreira como médico do  Hospital Provincial de Oviedo. Mais durante a época da República instalaríase na vila galega de Ponteareas onde rexentou unha clínica. José Fernández-Vega foi un médico coñecido e querido na vila, que os veciños lembran por tratar doenzas de balde a aquelas persoas sen recursos.

Fernández-Vega, no tempo no que estivo en Ponteareas fixo tamén un enorme traballo político e cultural. Foi director do xornal “El Galleiro” e no voceiro socialista “Renovación”, presidente da Casa do Pobo e de Izquierda Republicana. En febreiro de 1936 foi nomeado Gobernador Civil de Lugo, mais en xuño de ese ano foi nomeado tamén para ostentar ese cargo na provincia de Málaga.

Foto da chamada “Desvandá” unha das maiores matanzas de civís da Guerra / foto histórica Dominio Público

Alí foi sorprendido polo levantamento militar ó que fixo fronte, defendendo a legalidade republicana fronte ás tropas sublevadas saídas á rúa. Porén, descabezado o exército, foron as milicias as que tomaron a cidade andaluza enfrontándose ás familias acomodadas e os grandes latifundistas como a familia Larios. O goberno local viuse tamén obrigado a frear estes ataques.

Mais en setembro de 1936 foi cesado no cargo polo Ministerio de Gobernación por mor de rumores de terse apropiado de fondos públicos. Foi daquela cando regresou a Asturias volvendo á súa profesión de médico, mais co avance da guerra viuse obrigado  a exiliarse a Francia, onde acabou nun campo de concentración e detido pola Gestapo o 10 de xuño de 1940.

Mentres tanto na cidade de Málaga estábase a librar un dos grandes frontes da Guerra Civil, que acabaría nunha gran masacre para a poboación. O 17 de xaneiro de 1937 o xeneral franquista Queipo de Llano e o coronel Francisco de Borbón y de la Torre comezaron a ofensiva sobre la provincia Andaluza, tras a conquista da cidade de Granada.

A cidade defendida por milicianos, viuse atacada polo oeste e polo norte por exércitos acourazados que contaban co apoio de tropas italianas. O ataque provocou un gran pánico na poboación civil da cidade que marchou a pé cara o leste pola estrada de Almería, na chamada “Desvandá”. Na súa fuxida o exército franquista, por mar e aire atacou á poboación civil dándolle morte a preto de 5.000 persoas, nunha das maiores matanzas civís da historia de España.

Fusilamento durante a Guerra Civil Española / foto Dominio Público

José Fernández-Vega, preso en Francia foi trasladado de volta a Málaga en 1942. Tras un xuízo sumario foi xulgado por un tribunal franquista e declarado culpable do asasinato de 275 persoas, durante ó asalto miliciano ás elites da cidade, a pesares das súas alegacións. Foi fusilado no cemiterio de San Rafael, onde permanece o seu corpo nunha fosa común.

Unha rúa e unha homenaxe en Ponteareas

O pasado 18 de maio, Ponteareas, a vila na que exerceu a súa profesión en Galicia, rendeulle homenaxe a José Fernández-Vega. Foi coincidindo co aniversario do seu asasinato. O acto celebrouse nunha praza recén renovada e humanizada, entre o Auditorio e o Mercado Municipal. Nel procedeuse a renomear a praza, denominada agora Praza Doutor Fernández Vega, igual que a rúa que a atravesa.

Ó acto asistiu a neta do doutor, Gloria Arbones Fernández-Vega, fíxose unha representación teatral da súa vida e o Conservatorio Profesional de Música de Ponteareas interpretou música na súa honra. Dende o goberno ponteareán sinalaron que “José Antonio Fernández-Vega foi un médico exemplar e xeneroso, comprometido coa nosa vila dende a súa chegada a ela a comezos do 1931”.

Pode que che interese...