fbpx
Unha das baterías do Cabo Silleiro / foto Bene Riobó CCBy Wikimedia

Queres participar no concurso de ideas aberto a todos para recuperar as baterías do Cabo Silleiro?

Tempo de lectura: 2 min.

“Dende o Concello queremos dar cabida a todas as opinións e facer partícipe a todos os veciños e veciñas da restauración e posta en valor das emblemáticas instalacións militares de Cabo Silleiro”. Con estas palabras o Concello de Baiona quere facer un chamamento á cidadanía para implicarse na definición dos novos usos destes históricos elementos militares do extremo máis meridional das rías galegas.

É por isto que ata hoxe, día 25 de xuño, o Concello manterá aberto un formulario activo para as aportacións da cidadanía. Trátase, tal e como afirman na súa páxina web, onde tamén pode atoparse o formulario, de que “decidamos entre todos e todas cómo se rehabilitará e cómo será o proxecto das instalacións recentemente adquiridas polo Concello de Baiona”.

Unha das baterías do Cabo Silleiro / foto Bene Riobó CCBy Wikimedia

E é que despois de que o Ministerio de Defensa puxera á venda as instalacións militares do Cabo Silleiro, xunto con outras instalacións e inmobles, no 2013, o Concello adquiriuno por 369.060 euros. Un complexo militar composto por varios edificios, canóns e túneles que hoxe se atopa nun estado ruinoso.

 

Trátase dun espazo que formaba parte da rede de fortificacións do século XX que estaba destinada a blindar a costa sur da provincia de Pontevedra de posibles ataques, xunto coas do Cabo Udra, San Vicente, Monteferro ou A Guarda. As instalacións aínda que ocupadas en 1940, tras a Guerra Civil, foron construídas entre 1945 e 1969. Destacan polos seus 98.000 metros cadrados a súa singular rede de túneles escavados no granito ou os seus 4 canóns de artillería Vickers de 1943.

Pode que che interese...