fbpx

Así era Lourizán antes de Ence, hoteis, pazo, marisqueo… no lugar de residencia de verán de Montero Ríos

Tempo de lectura: 5 min.

Antes da chegada de Ence Lourizán era unha das parroquias máis prósperas de toda Galicia. Un turismo de moi alto nivel e un próspero sector do marisqueo facían de Lourizán un dos lugares máis desexados da costa galega. Non en balde no lugar atopábase un suntuoso pazo, residencia de Montero Ríos, un moderno hotel, un dos máis importantes da Galicia e unha casa de baños ó pé da ría.

Pois a paisaxe de Lourizán era xa daquela apreciada como unha das máis singulares de Galicia. Co clima morno das rías Baixas, unha ría ben comunicada e rodeada de areais, Lourizán era o lugar perfecto para gozar do estío galego. O lugar contaba ademais cunha excepcional paisaxe, cunha fermosa parroquial no mesmo pé do mar, e mesmo un tranvía que a conectaba a Pontevedra.

A ría de Pontevedra na construción de Lourizán / frame de Paraíso Roubado

Un lugar de veraneo de alto nivel ligado a Montero Ríos

Eugenio Montero Ríos foi sen dúbida o político máis influínte de Galicia no cambio de século, sendo ó longo do último terzo do século XIX ministro de Graza e Xustiza e de Fomento en varias ocasión e chegando a ser presidente do Goberno de España en 1905. Montero Ríos era natural de Santiago de Compostela, pero durante a súas etapas en Madrid estableceu a súa residencia de verán neste lugar de Lourizán.

Foi no chamado Pazo de Lourizán, un antigo pazo documentado como granxa no século XV. Montero Ríos mercará o pazo en 1876, cun gran conxunto de terras ó seu redor, e coa axuda do arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez, un dos grandes artífices do Vigo ecléctico, construirá un dos pazos máis suntuosos de todo o norte peninsular, o actual Pazo de Lourizán.

Foto histórica do Pazo de Lourizán / foto histórica Ollar Galicia

Montero Ríos sería quen convertería aquel vello lugar de pesca e marisqueo nun dos grandes epicentros do nacente turismo galego. Pois o pazo converterase con Eugenio nun gran centro de referencia da política e da sociedade de finais do século XIX. Alí se reuniron grandes políticos e personalidades sociais do momento, que ademais gozaban da excepcionalidade dun lugar idílico ó pé do mar.

Un moderno hotel xunto ó mar e unha casa de baños ó pé da “Praia dos Praceres”

E é que, ó mesmo tempo que Montero Ríos merca o pazo e unha gran extensión de propiedades ó pé do mar, decide tamén instalar no lugar unha fábrica de salgadura. Xunto a elas tamén diferentes infraestruturas de recreo. No comezo un pavillón de hóspedes para as súas visitas. Máis tarde se un dos hoteis máis modernos e luxosos de Galicia.

Fachada posterior do Gran Hotel / frame de Paraíso Roubado

Trataríase do Gran Hotel de Baños de Mar dos Praceres, situada ó pé da praia do mesmo nome, a pé de mar. Trataríase dun suntuoso hotel de estilo inglés con spa e mesmo unha casa de baños. O Gran Hotel inauguraríase en 1902 e converteríase nun dos grandes atractivos do turismo estival de Galicia.

Un gran complexo cun hotel, unha casa de baños, teatro e salas de baile e mesmo un embarcadoiro de madeira que entraba na ría. Trataríase dun turismo especialmente elitista para grandes personalidades e xente de alta posición social que chegaban o lugar para gozar do estío das Rías Baixas. Moitos deles achegábanse facíano nos seus propios coches outros no tranvía que pasaba polo lugar unindo a estación de ferrocarril de Pontevedra coa vila de Marín.

A Casa de Baños de Lourizán / frame de Paraíso Roubado

Unha paisaxe única e un lugar excepcional para o marisqueo

Xa daquela tratábase dunha próspera parroquia. Un lugar que contaba cunha enorme praia natural, nun entorno paisaxístico singular polo de aquela enchido de labradíos e montes de piñeirais. O lugar contaba tamén cun templo ó mesmo pé do mar, a parroquial barroca de San André de Lourizán, así como unha segunda igrexa mandada construír por Montero Ríos.

Mais o lugar non era só único polo turismo de alto nivel, senón que era tamén unha próspera parroquia de labranza e un lugar cun enorme peso da actividade do marisqueo, que proporcionaba importantes rendas ós veciños. O marisqueo reportaba importantes recursos a moitas familias do lugar, no que se extraían ameixas, ostras e mexillóns, que despois se vendían nas vilas de Marín e Pontevedra.

Mariscadoras en Lourizán frame de Paraíso Roubado

Un ‘paraíso roubado’

Mais catro anos despois da Morte de Montero Ríos en 1918, o Gran Hotel foi doado polos herdeiros á congregación do Sagrado Corazón, para unha escola de nenas, que segue aberta no lugar ata hoxe en día. O lugar continuou a ser por tempo un lugar de gran atracción turística e, tal e como relatan os veciños, ó lugar continuou por moito a ser destino de turistas que alugaban habitacións e casas particulares na parroquia.

Porén o verdadeiro cambio no lugar acontecería a partir do ano 1958, cando o goberno franquista decide situar nun recheo sobre a propia ría, unha fábrica de celulosas. O feito tivo unha gran repercusión social e dou lugar a outra das grandes loitas de Galicia contra a factoría. Unha loita, unha vez máis encabezada, sobre todo, por mulleres.

 

Elas protagonizaron unha gran loita social silenciada polo réxime e que foi duramente reprimida, con violencia e cárcere para moitas delas. Porén foi unha contestación contundente na defensa do lugar, que desapareceu baixo o recheo. Dos “culatazos e cárcere” respondíase con mobilizacións e mesmo con boicots ás propias obras de dragado da ría.

A toda a loita volvéuselle a dar voz, de feito, no ano 2017. Foi o momento no que se recolle no documental “Paraiso Roubado”, dirixido por Lukas Santiago. A peza conta coas testemuñas reais de veciños que viviron o declive desta próspera parroquia de Pontevedra, incluíndo mariscadoras, veciños que viviron do turismo e mesmo o párroco do lugar. O documental conta ademais coa narración do escritor e xornalista Manuel Rivas.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...