fbpx
Faro da Illa Pancha / foto Turismo de Galicia

Pode chegar a constituír a apertura dun hotel nun faro un delito ecolóxico?

Tempo de lectura: 2 min.

Un dos lugares máis excepcionais da costa da Mariña Oriental e en concreto do Concello de Ribadeo é o faro e a Illa Pancha. Unha espectacular localización natural na que dende 1857 se atopa un histórico faro, e que constitúe un dos lugares máis retratados da costa de Lugo e dos máis amosados nas redes sociais.

Mais no ano 2013 o Plan para a reconversión de antigos faros en aloxamentos turísticos aprobado polo Consello de Ministros abría a porta a rehabilitación deste excepcional lugar. Así, rehabilitáronse os seus edificios, acondicionouse a súa contorna e mellorouse o aparcamento e acceso, dando lugar a un dos aloxamentos hostaleiros máis singulares de toda a costa da provincia. O espazo levaba abandonado e pechado dende o ano 1984.

Porén, agora a asociación Ecoloxistas en Acción pon en dúbida a legalidade desta reconversión. Pois a asociación de protección da natureza ven de solicitarlle á fiscalía de Lugo “que investigue o actual uso privado e mercantil da Illa Pancha” por ser “un espazo ambientalmente protexido” e carecer a actividade de avaliación de impacto ambiental “realizado por un órgano competente”.

Faro da Illa Pancha antes da súa rehabilitación / foto Turismo de Galicia

Dende Ecoloxistas en Acción lembran, do mesmo xeito que tamén se fai na web do establecemento, que o hotel atópase nunha Zona Especial de Conservación Río Eo, Humidal Protexido Ría de Ribadeo, en Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Río Eo, Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, Zona Húmida de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) Ría do Eo e Zona de Especial Protección das Aves.

Por iso dende a asociación lembran que debería ter sido preciso un informe de impacto ambiental, máis alá da autorización para a súa propia rehabilitación e polo tanto podería estar a incorrerse nun delito ecolóxico. Dende a asociación piden que sexa investigado pola fiscalía, sexa sancionado e se repoña o medio ó seu ambiente natural de ser preciso.

 

Pode que che interese...