fbpx
Vista xeral das ruínas do Castelo da Rocha Forte coas sondaxes na parte superior esquerda / foto Concello de Santiago

300.000 euros para un aparcadoiro pero non para novas intervencións no Castelo da Rocha Forte

Tempo de lectura: 2 min.

Un total de 292.168 € (241.461,16 euros sen IVE; IVE de 50.706,84 euros) e un prazo de execución de 3 meses. Este é o orzamento de licitación aprobado pola xunta de goberno do Concello de Santiago para adxudicación do acondicionamento exterior do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte.

“Trátase neste caso dos accesos e do aparcamento, co obxectivo de completar o entorno para a súa posta en marcha“, aclarou o alcade Xosé Sánchez Bugallo. Con todo, non haberá novas escavacións ou actuacións de conservación deste ben que foi obxecto de importantes intervencións arqueolóxicas nos últimos anos.

Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.

Un dos castelos máis importantes de Galicia

Tal e como xa contamos en HdG, o castelo da Rocha Forte non é un castelo calquera. É unha das fortalezas máis importantes e máis impresionantes que tivo Galicia durante a baixa Idade Media. Foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, desde entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, e foi testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. Tamén foi unha das primeiras fortalezas en seren derrubadas polas Irmandades durante a Segunda Guerra Irmandiña, en 1467. E, ao contrario doutras moitas, nunca foi reconstruída. De feito, foi desmontada polo propio arcebispado, quen levou as súas pedras a outras propiedades eclesiásticas a partir de 1471

Durante os seus máis de 200 anos de actividade, esta fortaleza chegou a ser unha das máis importantes do seu tempo en Galicia. Nos seus muros tiveron lugar batallas que marcaron parte da historia deste país, mesmo asasinatos colectivos, como o dos responsables da revolta burguesa de 1320 no que se deu en coñecer como o Día da Ira.

Tamén salienta deste castelo a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela nesa revolta que dirixiu Afonso Suárez de Deza, da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe, que sería un dos asasinados no Día da Ira.

Pode que che interese...