fbpx
Feísmo nunha construcción tradicional galega / www.clum.in

A Xunta subvencionará obras adaptadas a súa “Guía de cores” para rematar co “feísmo urbanístico” na Galicia rural

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta tamén iniciou a súa particular ofensiva contra o “feísmo urbanístico”. Así, acaba de aprobar unha convocatoria dunha nova orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes co fin de axudalos a “corrixir diferentes tipos de impactos paisaxísticos presentes tanto nos seus edificios como en certos equipamentos públicos de titularidade municipal”.

Esta é a primeira vez que o Goberno galego lanza unha liña de incentivos directos para entidades locais co fin de animalas a “renovar, acondicionar ou intervir sobre inmobles da súa propiedade cuxo aspecto pode estar influíndo de forma negativa na contorna ou deteriorar a calidade da paisaxe que os rodea”. Para lograr estes obxectivos, a orde de axudas contará para este ano cun orzamento inicial de 800.000 euros con cargo aos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio e repartidos ao 50 % entre dúas liñas de actuacións diferenciadas. A primeira está reservada a intervencións sobre edificios ou dependencias que alberguen servizos municipais, incluíndo actuacións de renovación de acabamentos exteriores en fachadas, cubertas e cerramentos. A subvención suporá o 70 % dos investimentos previstos, cun límite máximo de 25.000 euros por concello.

A outra liña resérvase para actuar sobre fontes, hórreos, lavadoiros públicos e palcos de música a través da execución de traballos de acondicionamento, rehabilitación ou substitución, parcial ou total, dos elementos deteriorados. Neste caso, a porcentaxe subvencionable tamén será do 70 % do custo da obra, cun límite de 10.000 euros.

“Guía de cores”

Serán, en todo caso, actuacións de índole menor, xa que non se cambiará o uso nin se aumentará o volume dos elementos estruturais que compoñen os edificios e equipamentos municipais sobre os cales se intervén. Ademais, os traballos deberán adaptarse ben aos criterios fixados na Guía de cores e materiais de Galicia ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Por último, as actuacións subvencionables terán que estar executadas antes do 31 de decembro deste ano, que será tamén a data límite para que os concellos beneficiarios acheguen toda a documentación xustificativa dos investimentos realizados. “Os principais obxectivos desta nova orde de axudas son aumentar a sensibilidade das administracións municipais e dos cidadáns en relación coas alteracións ou posibles impactos paisaxísticos derivados de diferentes actuacións que xeran transformacións e afeccións no carácter ou na calidade da paisaxe, así como fomentar a colaboración e a acción coordinada entre as distintas administracións públicas”, indica a Xunta nun comunicado.

Pode que che interese...