fbpx
Fusilamento durante a Guerra Civil Española / foto Dominio Público

Galicia non esquece o terror franquista 82 anos despois: lembrando a sete fusilados de Celanova

Tempo de lectura: 2 min.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova honrará este sábado (12.00 horas no Instituto Celso Emilio Ferreiro, e 13.30 horas no cemiterio parroquial) a Baldomero Vigil Escalera VallejoMarcelino Fernández GarcíaAlfonso Moreno GayolGuillermo de Diego ÁlvarezAbelardo Suárez del BustoBelarmino Álvarez García e Mariano Blanco González.

Estes sete homes foron fusilados e soterrados no cemiterio de San Breixo, en Celanova, o 22 de setembro de 1939, venres, a primeira hora do día, nun acto de vinganza e intimidación executado por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos uns días antes da despedida da vila desta unidade militar.

Baldomero, Marcelino, Alfonso, Guillermo, Abelardo, Belarmino e Mariano foron capturados polo exército sublevado contra a República durante a fuxida en barcos trala caída de Xixón en outubro de 1937 e trasladados ao campo de concentración de Camposancos, na Guardia (Pontevedra). Alí xulgáronos en diferentes consellos de guerra a partir do verán de 1938 e condenáronos a morte. Chegaron a Celanova en xaneiro de 1939, á que naquela altura era unha das maiores prisións franquistas no país.

Os actos deste sábado, no 82 aniversario daquelas execucións que deixaron unha pegada de terror entre a veciñanza da vila que se transmitiu na memoria oral, contarán coa participación do Goberno de Asturias, representado pola Consejería de Presidencia a través de Manuel CalvoDirector General de Administración Local; do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e do Alcalde de Celanova, Antonio Puga.

Confirmaron a súa presencia varios colectivos de memoria, como Amigos da República de Ourense, con David Simón, e a a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos, co seu presidente José Manuel Domínguez Freitas á fronte. Tamén acudirán membros da CNT e do centro social A Cambalhota de Allariz. Entre os representantes políticos estarán Iago Tabarés, parlamentario do BNG por Ourense, e o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Vilariño.

LUGAR DE MEMORIA INÉDITO

A homenaxe comezará cun acto no patio do Instituto Celso Emilio Ferreiro de Celanova, o mesmo patio que foi o da Prisión Central durante a guerra e os primeiros anos da ditadura, na primeira intervención de memoria histórica nese espazo desde que se fechou a cadea en 1943. A presidenta do Comité, Celia Inés Feijoo Sotolembrará no seu discurso a seu avó, Camilo Soto, e a seu pai, Constantino Feijoo, concelleiro en Celanova na última corporación republicana, que estiveron presos alí nas primeiras semanas da guerra.

Os poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, moi vinculados á memoria histórica do país, porán o ramo este primeiro acto. A continuación, na fosa do cemiterio desenvolverase unha ofrenda floral e leranse dous inéditos dos poetas Xoán Carlos Domínguez Alberte e Baldo Ramos, membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova desexa que esta homenaxe contribúa a reforzar a colaboración institucional e avanzar na documentación e posíbel exhumación das vítimas, mentres continúa o labor de busca de familiares daqueles 7 homes

Pode que che interese...