Cando o franquismo “secuestrou” a cultura e folclore de Galicia para lexitimar o Caudillo
A investigadora e antropóloga Beatriz Busto destacoua importancia que o No-Do, o noticiario franquista, tivo para “re-presentar” a cultura, a lingua e o folclore galego para gabar a figura do caudillo.
Durante as ‘III Xornadas contra a impunidade’ organizadas pola Deputación de Pontevedra,Busto deu a coñecer moito arquivo e exemplos do noticiario “porque a imaxe é moi potente e fala por si propia” . No seu discurso subliñou os conceptos de espolio, subalternidade e secuestro cultural de Galiza durante a ditadura, cando –segundo dixo- o propio pobo culturalmente non tiña posibilidade de dialogar con esa imaxe “parabólica e estereotipada que se producía dela”.
Un dos exemplos concretos do arquivo do No-Do que proxectou foi o dun noticiario do 1943 no que se fala da visita de ‘El Caudillo en Galicia’, en relación á inauguración da ponte do Pedrido en Betanzos. Explicou que se quería lexitimar “o seu propio poder como un poder de Estado benefactor, construtor, enxeñeiro, cando na realidade era un proxecto de enxeñería moi anterior ao franquismo, xa da I República”.
Apuntou que nesa inauguración pódese comprobar o uso por parte poder político do folclore. “Faise un uso violento, un secuestro moi consciente de elementos culturais como a danza de arcos, un patrimonio que ten que ver coa vila de Betanzos, en beneficio do Caudillo. O que No-Do non conta é que os danzantes foron pagados. Buscan lexitimar o Caudillo e amosarlle a súa adhesión, amor, cariño ao líder máximo a través dese folclore”.
Outra das reflexións de Busto foi canto do que antes pasaba co No-Do agora pervive na actualidade. Cuestionouse como o poder político segue a lexitimar a través do folclore actos nos que se utiliza o tipismo para definir identitariamente “o que somos”. A antropóloga foi especialmente crítica coa reprodución das formas de facer e do modelo de representación patrimonial material ou inmaterial: “A administración pública é absolutamente responsable disto. É unha situación magoante e negativa porque non somos capaces de velo”, finalizou.