fbpx
Portada da novela "Pepa A Loba" de Carlos Reigosa / Xerais

Así era Pepa A Loba, o mito da bandoleira máis famosa de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O século XIX e comezo do XX foi época de bandoleiros e bandoleiras. O bandoleirismo é un fenómeno produto da miseria dun pobo. O bandoleirismo non é rebeldía, aínda que no mito identifiquemos a moitos bandoleiros co prototipo dun Robin Hood. Este é o caso de Pepa A Loba, a bandoleira máis mitificada da nosa historia e sempre comparada co personaxe anglosaxón.

Pepa era a capitá da súa propia banda de ladróns que actuaron, supostamente, en terras do interior de Galicia, dende Monterroso ata a costa occidental, e posteriormente no norte de Lugo; hai incluso a tradición dunha casa da súa propiedade na Terra Chá, como indica Amigos do Patrimonio de Toén na súa conta de Facebook.

Pepa viviu a mediados do século XIX. Naceu en Pontevedra e todas as historias apuntan a que foi orfa dende moi pequena tras a morte da súa nai. Foi acollida por un tendeiro que máis tarde foi asasinado. As autoridades culparon a Pepa e apresárona, como explica Faro de Vigo. A nosa bandoleira conseguiu escapar do cárcere e vaise ao monte onde forma a súa banda de bandoleiros.

Hai documentos que falan da existencia de Pepa A Loba. Concepción Areal fai referencia a ela tras a súa visita ao cárcere da Coruña. Aínda así, expertos indican que hai historias sobre Pepa A Loba por tantos lugares que é imposible que se trate dunha soa persoa, polo que Pepa A Loba sería un alcume que usaron moitas bandoleiras para aproveitarse do mito.

Sexa cal sexa a historia real da bandoleira galega máis famosa de Galicia, a figura fai referencia a unha persoa sen recursos que buscaba sobrevivir. Como indica a historiadora Beatriz López Mirán do grupo de investigación Histagra da USC, o bandoleirismo era unha forma de subsistencia dunha sociedade cunha economía estancada, sen o tirón industrial, moi ruralizada e cunha economía á baixa, na que ademais desapareceron os mecanismos asistenciais da igrexa tras a desamortización.

Pode que che interese...