fbpx
Avioneta monopraza Blériot na que Elisa Patiño fai o seu primeiro voo / Gente Yold vía Consello da Cultura Galega

Elisa Patiño, así era a primeira aviadora galega

Tempo de lectura: 2 min.

Elisa Patiño é unha desas persoas que marcou o camiño a seguir para moitas mulleres. Alcumada “Chichana”, abrazou as ideas da modernidade e se converteu na primeira muller aviadora de Galicia. Para dar a coñecer a esta pioneira da aviación, o Consello de Cultura Galega vén de facer unha entrada no seu Álbum de Galicia sobre esta figura da Galicia de finais do século XIX e principios do XX.

Elisa Patiño “Chichana” naceu en Pontevedra no ano 1890. Os seus pais, Albino Patiño e Rosa Meléndez, eran os Duques de Patiño, polo que a Elisa nunca lle faltaron aportunidades. De feito, aproveitou todas elas e demostrando un enorme potencial en múltiples facetas.

Retrato de Elisa Patiño / Consello da Cultura Galega

Recibiu unha alta formación musical e brillou como violinista, pianista e, sobre todo, como cantante. Tamén se dedicou ao tiro con arco desde ben cativa e sorprendeu coas súas habilidades para o ciclismo pero, sobre todo, destacou pola súa faceta de aviadora.

Explica Eilún do Pazo na súa entrada biográfica que “enlazou profesionalmente o seu camiño co do afamado aviador acrobático José Piñeiro, coñecido na época como “Home paxaro” ou “Rei dos aires”. Con el aprendeu a pilotar e acompañouno en varias das súas viaxes. Na entrada conta a fazaña que ambos realizaron en 1913 cando sobrevoaron a praia de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo). A ovación ao aterrizar foi enorme.

Grazas á axuda de Piñeiro, Elisa conseguiría o título de aviadora tras acreditar 50 horas de voo. Isto era moi pouco común para unha muller de comezos do século XX, en Europa só un 5% dos aviadores eran mulleres.

Rexeitaba a idea de que a vida das mulleres tivese como único destino o matrimonio, a crianza da descendencia e o coidado da casa, como describe Eilún do Pazo. Aínda así, casaría en 1916 con Enrique Alcaraz, secretario de saúde do Porto de Corcubión, co que tería unha filla en xuño de 1917. Un ano despois, Elisa morrería por mor da gripe española.

ÁLBUM DE GALICIA

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas galegas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

Pode que che interese...