fbpx

Así foi a evolución da capela medieval de San Adrao, en Bermés

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha nova campaña na capela de San Adrao, unha construción medieval en Bermés, desvelou novos segredos que agochaba o xacemento. Datada entre os séculos XV e XVI, esta capela medieval é un dos xacementos máis importantes da zona, e os novos traballos revelan que aínda queda información por descubrir.

Grazas a esta nova campaña, promovida polo Concello de Lalín, púidose observar a complexidade da planta, así como se descubriron muros exteriores que apuntan a novas partes do complexo aínda sen escavar. Os traballos que se levaron a cabo na capela que se localiza no monte do Carrio, na comunidade de Montes de Bermés, tamén permitiron atopar outros obxectos, como moedas e pezas de cerámica.

Ata o de agora, sábese que a capela maior deste xacemento tivo tres procesos construtivos. Así, a capela foi mudando a súa estrutura e sufriu diferentes remodelacións. Mostra disto son os tres niveis de granito no interior da capela, ou o feito de que non se localizase a porta principal, pois estas transformacións fixeron que fose selada.

Despois desta campaña, Árbore Arqueoloxía, o equipo que a levou a cabo, levará a cabo unha visita guiada aberta a quen o desexe para poder observar de primeira man os avances que se realizaron ata agora. O domingo 26 será o día no que se realice esta visita. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...