fbpx

Queres coñecer o hórreo único que se atopa nas illas Cíes?

Tempo de lectura: < 1 min.

Un hórreo único é a nova sorpresa das Illas Cíes, atopado e estudado nos últimos traballos arqueolóxicos que se levaron a cabo. Agora, toda a información sobre a última campaña xa está dispoñible para os visitantes a través de carteis informativos nas zonas dos Ferreiros e no Alto do Príncipe.

Entre os achados destaca o hórreo ou caleiro, cuxas características non comparte ningún outro en Galicia. A construción está formada por unha cámara de granito de dous metros de alto. Destaca como este hórreo aproveita o relevo da zona para a súa construción, e dispón dun espazo baixo terra que funcionaría como unha bodega. En toda a illa atópanse outros hórreos tradicionais, pero ningún deles con similar ao dos Ferreiros

O mesmo pasa coas vivendas que se ergueron na illa entre os séculos XVIII e XIX, pois son diferentes ás súas construcións contemporáneas no territorio continental. Unha das hipóteses é que se trata de habitacións construídas por veciños do Morrazo que chegaron á illa atraídos pola industria da salgadura. Estiman, ademais, que o número de habitantes non superaría as 45 persoas.

“A arqueoloxía da insularidade, que se aplica na costa e nas illas en articular, ten o seu estímulo. A xente vivía cunha condicións moi particulares, moi diferentes ás que había no continente, e iso tamén é moi interesante”, explica o arqueólogo e director da campaña Santiago Vázquez Collazo.

Cun grupo de seis persoas, realizaron traballos de limpeza para facer visibles os restos da zona e así poder catalogalos durante os meses de xuño, outubro e novembro. O escaneado láser e a fotogrametía foron algunhas das tecnoloxías utilizados e que permitiron achegarse máis á arqueoloxía das Illas Cíes. Porén, Vázquez Collazo sinala a importancia de seguir investigando as diferentes construcións. Máis información no xornal Atlántico.

Pode que che interese...