fbpx

(Vídeo) Así se rescatou o astrolabio de Viveiro, unha peza única valorada en 1,5 millóns de dólares

Tempo de lectura: < 1 min.

A Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas) fixo público o pasado 21 de maio un vídeo documental da campaña arqueolóxica subacuática que se levou a cabo no pecio Viveiro I durante o ano 2021.

En dito vídeo, o membro da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS) Antón López, explica como se analizou o xacemento, cuxa existencia se coñece dende o 2012, cando dous mergulladores recreativos atoparon 2 canóns na Ría de Viveiro. Dende a última campaña, realizada no 2019, a area tapara gran parte da zona sur do xacemento, coñecido como Viveiro I. Pola contra, a area da zona norte estaba máis retirada na campaña do 2021, o que permitiu descubrir novas pezas.

Foi entón, o 31 de agosto do pasado ano, cando se atopou o coñecido como astrolabio de Viveiro, unha peza única valorada en case 1,5 millóns de dólares, e considerado un dos dez astrolabios mellor conservados do mundo. O instrumento de bronce, cun peso de 5 quilogramos, destaca polo seu bo estado de conservación e pola súas características, como a presenza dun aro de suspensión trilobulado, que só comparte con outros seis astrolabios,

Dito astrolabio está datado da primeira metade do s.XVII, cando Viveiro era un dos principais portos da zona cantábrica, colocando a vila no mapa da época e sendo obxectivo de piratas franceses e ingleses.

No vídeo documental tamén se poden observar algunhas das pezas do naufraxio atopadas durante a campaña, como un arcabuz que conserva todas as súas pezas, un falconete con recámara aberta (peza de artillería menor) e unha sección de madeira, tamén da época. Todas as pezas recuperadas foron trasladadas ao laboratorio do Centro de Actividades Subacuáticas cuxa sede se atopa na vila.

Pode que che interese...