fbpx

Que vai pasar coa gran casa atopada soterrada na Porta do Sol de Vigo?

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 2 de xuño o Concello de Vigo notificaba un sorprendente achado: unha casa duns 4 ou 5 metros de altura na Porta do Sol, descuberta cando se estaban a levar a cabo obras para soterrar o tráfico. Situada aos pés do edificio coñecido como Salgueiro, obra de Romualdo de Madariaga nos anos 30, as primeiras pesquiñas apuntan a que podería tratarse dun edificio construído entre o s. XV e o XVII.

Aínda son moitas as incógnitas que resolver, pero algúns historiadores anticipan que podería ser a Casa Mora, un lugar de reunión para a resistencia viguesa durante a invasión de Napoleón a principios do s. XIX. Esta casa construída extramuros puido ser o berce do levantamento que conseguiu expulsar as tropas de Napoleón. Porén, haberá que esperar a unha investigación máis profunda por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

Formada por grandes perpiaños, sorprenden as dimensións da construción, o que indica, como apuntan dende La Voz de Galicia, que pertenceu a unha familia ou institución podentes. A parede atopada conta tamén cunha xanela cun enreixado.

Dende o Concello de Vigo informan que a través dun escáner en 3D se catalogará a construción, para decidir posteriormente cales son as medidas que se tomarán. Ante isto, o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo remarcar que o achado non causará importantes inconvenientes sobre as obras, cuxo obxectivo é construír un túnel para conectar as rúas Policapo Sanz co Paseo de Alfonso. “A afectación é de escasamente 30 centímetros”, explicou Caballero. Os prazos da obra tampouco se verían modificados, pois non se prevén actuacións neste punto ata dentro de dous meses.

A arqueóloga María Jesús Iglesias, como recolle o xornal La Voz de Galicia, compara este achado con outros que se teñen producido na cidade. “Non sei a que se corresponden estes restos porque non teño datos, pero encontreime con algo similar durante un control na rúa Carral; cando cubriron a vagada para crear a rúa de Policarpo Sanz deberon desmontar o que lles interesaba das casas existentes nese lugar o resto deixárono e cubrírono con terra doutras zonas máis elevadas”

Como apuntou o alcalde de Vigo, a aparición desta edificación prevíase no proxecto da obra, ante o que acordaron con Patrimonio descubrila para poder valorala. O edil tamén mostrou o seu compromiso para “manter o patrimonio histórico da cidade”. Máis información en Vigoe.es.

Pode que che interese...