fbpx
Un gaiteiro nunha fogueira do San Xoá / Galicia Meiga

Así foi a evolución do lume de San Xoán… unha festa cuxa orixe non é celta, nin é romana

Tempo de lectura: 2 min.

Na mañanciña de San Xoán, a xente moza da Europa central tiña por costume subir aos cumios das montañas e deixar caer por elas unha roda de palla chea de lume. Aqueles fachuzos que alumaban dende o lonxe servían para dar a benvida ao sol en todo o seu esplendor e renderlle culto. Non pode establecerse unha data concreta en que comezou a celebración do solsticio de verán que chega ata os nosos días, mais si se coñece que estas bólas de lume escorregando montaña abaixo son as precursoras das fogueiras, cacharelas ou lumieiras que agora iluminan as beiras das casas, os barrios ou as praias galegas cada 23 de xuño.

Durante esta noite, tamén denominada Litha, celébrase o solsticio de verán. Fogueiras, sardiñas e certos ritos que se manteñen no tempo como saltar o lume caracterizan hoxe en día unha festa que leva miles de anos conmemorándose. “Poderíase dicir que dende o albor dos tempos”, fala o antropólogo Manuel Mandianes. A ela, explica, deu orixe o culto a un representante do sol, o chamado deus Hefesto, un ser sobrenatural da cultura grega que máis tarde retomaron os romanos. “Por iso”, expón Mandianes, “o primeiro que convén aclarar é que esta festa non é de orixe celta, senón grecorromana e indoeuropea”, se ben tamén hai quen sinala que na cultura celta se celebraban igualmente rituais vinculados ao sol.

A EVOLUCIÓN DA FESTIVIDADE

Trátase, segundo Mandianes, dunha celebración solar propia do calendario romano e festexada sempre no mesmo día, ao contario do que acontece coas conmemoracións luares celtas, coma o Entroido, que varían de data dunha vez para outra. Antigamente, o rito pasaba por acender unha fogueira na madrugada do día 21, momento en que comezaba o verán e o sol chegaba ao seu punto de maior forza. Xusto nese intre, principalmente as xentes do norte de Europa, mais tamén doutros lugares, saía das casas para celebrar e render culto ao astro que nos próximos seis meses iría baixando dende o seu máximo apoxeo.

POR QUE TEN TANTO ARRAIGO EN GALICIA?

Son moitos os refráns e cantigas populares que existen en torno á festividade do San Xoán, unha das festas con maior carga ritual e das máis populares en Galicia. Unha cita ancestral marcada pola socialización entre as persoas e coa natureza e os animais, unha data que xoga ata o extremo coa dualidade do ben e o mal a través da presenza das bruxas, a ritualización do caos (co roubo de arados ou cancelas) e a posterior purificación a través do lume e a auga. Á fin, di Mandianes, “o mal quéimase para que esta sexa a noite do ben e do amor”. Toda a reportaxe en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...