fbpx
Torre de Hércules na Coruña no século XI / reconsturción por Estación Visual

(Vídeo e fotos) Queres saber como foi a evolución da Coruña desde o Paleolítico inferior ata o final do período romano?

Tempo de lectura: 3 min.

Estación Visual A Coruña presentou esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña o crowfunding para financiar o seu proxecto de reconstrución virtual da historia do territorio da cidade desde hai 350.000 anos. O traballo mostrarase nunha páxina web onde se recrearán os cambios xeolóxicos da península coruñesa a través do tempo, e tamén as súas edificacións, en 3D en diferentes épocas, desde o Paleolítico inferior ata o final do período romano. “Poderase contemplar o territorio urbano uns centos de milenios antes, cando estaba dominado polo mar polas variacións climáticas ou a Torre de Hércules orixinal no seu contexto xeográfico”, explicou Enrique Cabarcos, un dos membros do equipo, na presentación.

Torre de Hércules desde o Monte de San Pedro, no século II / Estación Visual

O traballo, realizado por un equipo veterano en proxectos creativos e culturais, está profundamente documentado e asesorado por fontes expertas destacadas das diferentes áreas que abrangue, principalmente Arqueoloxía, Xeología e Historia. “É unha representación plausible e rigorosa pero co obxectivo de que sexa accesible para todo o público”, engadiu Cabarcos, que apuntou que o proxecto ten posibilidade de “desenvolvemento continuo”. “É unha canle de comunicación permanente coa representación visual de todo o pasado do que nos falan a ciencia e a historia”, subliñou.

Verkami albergará o proxecto os vindeiro 40 días, ata o 30 de xullo, para que calquera persoa, entidade ou empresa poida realizar achegas económicas para introducir toda a información e imaxes na páxina web, que permitirá ver a cidade desde distintos puntos de vista ao longo dos séculos. A cidadanía ou compañías que invistan na iniciativa accederán a distintas recompensas, como camisetas ou láminas, así como a un libro con imaxes inéditas da cidade.

O resultado deste traballo, desenvolvido hai máis dun lustro e cuxos precedentes foron incluídos na documentación da candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade diante da Unesco, ten múltiples aplicacións en sectores como o educativo, o cultural, o científico ou o turístico. Tamén tería efectos na imaxe de marca da cidade, que ten a Torre de Hércules e a súa historia como un dos símbolos principais. “A Torre marca un dos eixos narrativos máis importantes da iniciativa, como non podería ser doutro xeito, e fai que o proxecto teña aínda máis atractivo”, finalizou o portavoz do equipo.

“Un mapa da cidade”

No acto, celebrado este mércores no reitorado da Universidade dá Coruña, estivo acompañado polo antigo director do Instituto Universitario de Xeoloxía, Juan Ramón Villar Romaní, quen indicou que este organismo colaborou “dando referencias” para facer un mapa “con moito detalle” da historia.

“Non é unha cousa imaxinada, senón feita con medidas tomadas na costa e nos arredores da Coruña”, detallou. Ata o próximo 30 de xullo, segundo indicaron os responsables do proxecto, “calquera persoa, entidade ou empresa” pode realizar achegas económicas e recibirá a cambio camisetas, láminas ou un libro con imaxes inéditas da cidade.

Así era a Coruña hai 2.200 anos / Estación Visual

Pode que che interese...