fbpx
A personaxe Isabel, que representa á miliciana galega Natividad Hernández na obra "Lejano resplandor de Luna" que se fixo cos premios Hugo de Teatro na Arxentina

Natividad Hernández, a miliciana que combateu o fascismo en Vigo e o nacismo en París

Tempo de lectura: 2 min.

Natividad Hernández foi unha desas milleiros de mulleres que tamén combateron o fascismo e quedaron anónimas e orfas na historia do noso país… ata agora. Naceu en 1915 e no 36 tomou parte da batalla de Vigo en defensa da República. Cando xa todo estaba perdido cruzou os Pirineos e nese cruzamento perdeu ao seu compañeiro.

Xa en Francia sumouse á resistencia contra a ocupación nazi en Francia e en agosto do 44 entra a París como miliciana formando parte da Compañía 9 do famoso xeneral Leclerc. No  ano 48 emigrou a Buenos Aires onde viviu ata o ano da súa morte, no 1993.

Nora Cortiñas,  Nai de Plaza de Mayo, Línea Fundadora. Os seus pais, republicanos, axudaron aos exiliados españois e galegos a chegar a Bos Aires / Twitter

“No ano 75, cando morre Franco, eu estaba marchando á escola e vina subida a un tanque de auga e desde abaixo o marido, Roberto, gritándolle ‘Nati, bajá por favor’. E ela, coa ‘Internacional’ soando no tocadiscos e coa bandeira da República despregada sobre o tanque, berraba desde o alto ‘morreu o sátrapa, morreu o sátrapa'”. Esta historia viviuna en primeira persoa o darmaturgo e director Leonardo Nápoli para quen Natividad foi case unha avoa na súa infancia.

“Foi Natividade a que me contou a súa historia en detalle. Conservaba moitas fotos na súa casa nelas aparecía rodeada de fusís naqueles anos”, lembra. Esta historia inspirou a Nápoli para levala aos escenarios teatrais coa obra ‘Lejano resplandor de luna’ na que a galega foi rebautizada como Isabel. Unha obra e unha historia de emigrantes que emocionou en Arxentina e que acaba de facerse cos principais galardóns dos prestixiosos premios Hugo de teatro.

 

Pode que che interese...